Nerea Murado, campioa de España de pistola aire velocidade e ouro por equipos co seu marido e o seu irmán

A deportista lucense Nerea Murado Corredoira proclamouse campioa de España na modalidade feminina de pistola aire velocidade e conseguiu tamén o ouro por equipos xunto ao seu marido, Yelco Silva Novo, e ao seu irmán, Héctor Murado Corredoira. Os tres impuxéronse no Campionato de España de Armas Deportivas, celebrado do 1 ao 4 de outubro en Las Gabias (Granada).
Murado, integrante do Club de Tiro San Froilán, acadou un resultado de 22 tocados na competición individual. Na proba por equipos, o trío sumou 64 tocados para superar os seus rivais e completar unha dobre vitoria que combina o éxito deportivo co vínculo familiar.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Deportes, Damián Carballo, recibiron a tiradora no Salón de Plenos do Concello para trasladarlle os seus parabéns polos resultados acadados.
Durante o encontro, Candia destacou o exemplo de Nerea Murado e puxo en valor o esforzo, a constancia e a ilusión como claves para alcanzar obxectivos no deporte. A rexedora tamén salientou a importancia de que os éxitos se poidan compartir en familia, unidos pola paixón polo tiro e polo traballo que hai detrás de cada resultado.