Nico Adega busca revalidar o título mundial nunha proba moi aberta

Nico Adega afronta este venres, 23 de outubro, unha nova cita coa elite internacional do piragüismo adaptado. O deportista do Club Fluvial de Lugo participará na categoría masculina KL3 do Campionato do Mundo de Maratón, que se disputa en Gualeguaychú (Arxentina), coa intención de volver loitar polo título que conquistou en 2025.
A saída está prevista para as 10:30 horas en Arxentina, as 15:30 horas na España peninsular. A competición contará con nove participantes procedentes de España, Chile, Arxentina, Gran Bretaña, Brasil, Francia e Xeorxia. Entre os inscritos destaca o extremeño Juan Valle, compañeiro de Adega na selección española.
O palista lucense chega á cita como actual campión do mundo de maratón, despois de gañar a edición de 2025, celebrada en Győr (Hungría). Ademais, este ano tamén se proclamou campión de Europa en Pitești (Romanía), polo que afronta a competición arxentina co reto de prolongar o seu dominio internacional.
A proba de longa distancia desenvolverase no río Gualeguaychú, nun percorrido de tres voltas longas e unha curta ata completar os 11,8 quilómetros. A dosificación das forzas, a táctica e a capacidade para adaptarse ás circunstancias da carreira serán determinantes nunha competición na que os nove palistas aspiran a conquistar o ouro mundial.
O deportista recoñece que os títulos obtidos nas últimas tempadas non lle garanten a vitoria. "Aínda que veña de ser vixente campión do mundo e de Europa, cada competición é unha regata diferente na que poden pasar moitas cousas", sinala.
Adega asegura que dará o máximo para intentar repetir o triunfo, pero tamén lembra o nivel dos seus adversarios: "Imos dar o 100% e loitar por revalidar o título, sen esquecer que os meus rivais tamén adestran para gañar e será unha competición moi aberta".