“Non se pode vivir así”: a veciñanza de Cervantes protesta polo peche do centro de saúde de Doiras

A veciñanza de Cervantes concentrouse diante do consultorio de Doiras para denunciar a situación sanitaria do municipio e o incumprimento dos anuncios realizados polo Partido Popular sobre a reapertura deste servizo. Na mobilización participou tamén o Bloque Nacionalista Galego, que acusou á Xunta de Galicia de “seguir enganando á veciñanza da montaña con promesas que non se materializan”.
A responsábel local do BNG, Maruxa Bardasco, denunciou que o PP leva anos facendo anuncios “propagandísticos” mentres, segundo afirmou, continúa o deterioro da atención primaria, especialmente no rural e na montaña lucense.
Bardasco describiu unha situación que cualificou de “moi dura”, explicando que hai persoas que deben realizar desprazamentos superiores a unha hora para recibir atención médica, nun concello sen transporte público e onde moitos veciños dependen doutras persoas ou de servizos de taxi para acudir a consultas. Engadiu que as dificultades aumentan cando os desprazamentos se realizan cara á capital comarcal ou á cidade de Lugo.
A representante nacionalista asegurou que o consultorio de Doiras segue pechado a pesar das promesas e que tampouco existe unha cobertura sanitaria estable no centro de saúde de San Román, o que, segundo indicou, deixa á veciñanza nunha situación de inseguridade.
Desde o BNG tamén se fixo referencia ás conclusións do Consello de Contas, que sinalan carencias na atención primaria en Galicia. Segundo a formación, o caso de Cervantes exemplifica unha política continuada de recortes e abandono do rural.
Bardasco defendeu que a loita contra a despoboación pasa por garantir servizos públicos dignos e criticou o que considera unha discriminación cara ás zonas rurais e, en particular, á montaña lucense.
A formación nacionalista esixiu á Xunta a reapertura inmediata do consultorio de Doiras e a dotación de persoal sanitario estable en Cervantes, defendendo que a sanidade pública é un dereito básico. Ademais, avanzou que continuará apoiando as mobilizacións veciñais e trasladando esta situación ás institucións ata que se garanta unha atención sanitaria adecuada.