Nova mostra de títeres no Vello Cárcere
O Vello Cárcere acolle a nova mostra de títeres procedente da Colección Viravolta Títeres, que abriu onte as súas portas para que a veciñanza de Lugo poida visitala e contemplala ata o 30 de outubro.
Maite Ferreiro afirmou que "esta mostra permitiranos coñecer as distintas pezas necesarias para o funcionamento dun espectáculo de títeres, mediante distintos materiais utilizados por Viravolta Títeres durante a súa carreira”. Ademais, a edil de Cultura destacou que “a exposición axudará a entender o mundo dos títeres e a desfrutar destas pezas únicas procedente dunha das formas de expresión cultural con máis traxectoria da cultura galega”.
Viravolta Títeres
A compañía Viravolta Títeres fundárona Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado no ano 1982. Trátase dunha das compañías máis antigas de Galiza. Na actualidade contan cun repertorio amplo con máis de 30 obras de diversos formatos: animacións de rúa, espectáculos de medio e gran formato, nos que combinan as marionetas coa música de cámara ou tradicional.