Nova proposta de danza no museo MIHL
A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua achega unha nova proposta de danza ao MIHL, dentro do ciclo LED. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que “seguimos a programar actividades para encher os distintos espazos da cidade con propostas culturais de calidade e recoñecidas”. O 12 e 13 de xuño na Caixa Negra do MIHL poderemos desfrutar dunha nova peza de artes do movemento a cargo de Kirenia Danza. Trátase de Primeiro a vida unha peza interpretada pola lucense Esther Latorre e Xoel Álvarez.
Primeiro a vida é un eloxio dos coidados no que os corpos danzan unha antiga reivindicación que demanda Primeiro a Vida ou Antes a Vida ou Elixir a Vida, tres posibles traducións do verso de André Bretón transformado nun lema nos antigos muros durante o Maio Francés. A peza convídanos a que fronte a explotación, a precariedade e a morte que trouxo a pandemia, elixamos coidarnos e proclamemos: Primeiro a Vida!
As dúas funcións terán lugar o 12 e o 13 de xuño ás 20 horas. As entradas poden obterse en entradaslugo.es ou na Oficina de Turismo de Lugo de xeito gratuito, cun máximo de dúas por persoa.