Nova xornada sobre o programa Erasmus o vindeiro martes en Lugo
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle o vindeiro martes, día 25, unha xornada para dar a coñecer as novidades do programa Erasmus+ e outras oportunidades de mobilidade europea para a aprendizaxe. Está dirixida a técnicos municipais e responsables de organizacións ou asociacións que traballen na área de xuventude, así como á mocidade en xeral.
Terá lugar no salón de actos entre as 9 e as 14 horas e está promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de Lugo no marco da rede Eurodesk, que ofrece información e orientación aos mozos e mozas interesados en formarse no estranxeiro.
O GDR, que depende da Consellería do Medio Rural, celebra así a Semana Europea da Xuventude difundindo as vantaxes e características do Erasmus e presentando un proxecto de iniciativa de participación xuvenil ou intercambio.
A inscrición é gratuíta pero debe formalizarse vía web mediante o formulario que facilita Eurodesk España. O relator da xornada será Antonio Versace, consultor de proxectos europeos e informador xuvenil. Entre outros aspectos, explicará a actividade e funcionamento do Corpo Europeo de Solidariedade, unha proposta para os mozos e mozas que desexen participar en proxectos europeos.