Novembro volve cargado de roteiros de A Mariña en Ruta
Na Mariña Lucense continuan pateando e descubrindo as riquezas naturais e culturais do territorio, e novembro volve cargadiño de propostas de #AMariñaenRuta.
Así, darán comezo o 7 de novembro coa ruta O Ribadeo dos comerciantes, a cargo de Sofía López. Neste paseo guiado percorrerase o Centro histórico de Ribadeo.
O antigo recinto amurallado da vila desenvólvese desde o século XII ao XIX grazas ao intenso comercio por vía marítima. Nas súas fermosas rúas, pazos brasonados e grandes casaróns de comerciantes mestúranse con pintorescas vivendas de pescadores e artesáns, nun conxunto urbano cuxa historia non te deixará indiferente. Sabías que aquí chegou a haber representantes consulares de diversos países de Europa e América?
Municipio: Ribadeo.
Data: 7 de novembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 h.
Duración: 2 horas e media aproximadamente.
Lugar de inicio: Praza de España (diante do Concello).
Lonxitude: 2 km.
Dificultade: Baixa.
Trazado: Circular.
Observacións: Hai tramos de escaleiras (información para persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé). Traer roupa adecuada á meteoroloxía e calzado cómodo.
O 15 de novembro será a quenda de San Cibrao, Porto Baleeiro, dende a Idade Media ata a actualidade, a cargo de Anxo Cao.
San Cibrao é un dos primeiros portos baleeiros do Cantábrico e falaremos sobre a súa evolución histórica, dende as baleas que se cazaban na Idade Media ata as que se cazaban nos anos 70. Explicarase en profundidade as especies de cetáceos que se pode ver en Galicia, e o seu estado de conservación na actualidade. Aproveitarase de igual manera para falar sobre a relación histórica deste pobo co mar.
Municipio: Cervo.
Data: 15 de novembro do 2020.
Hora de inicio: 10:30 h.
Duración: 3 horas aproximadamente.
Lugar de inicio: Asteleiros Fra Rico.
Lonxitude: 3,5 km.
Dificultade: Baixa.
Trazado: Circular.
Observacións: Roupa impermeable ou cortaventos debido a que estaremos en lugares expostos ao vento. Calzado cómodo e impermeable, preferiblemente con sola de goma para poder camiñar brevemente pola praia e/ou rocas. Aconséllase levar prismáticos, xa que subiremos ao faro (Atalaia) onde explicaremos como se avistaban os animais, e tentaremos avistar algún cos nosos propios prismáticos.
O 21 de novembro chegará o tempo dos cogomelos no Valadouro coa ruta Cogomelos do noso monte, con Pedro Rolle, que terá como punto de partida A Fraga das Lerias. Debido á dificultade de comunicación da zona, o lugar de quedada é en Ferreira. Dende alí haberá que desprazarse todos xuntos, cada un no seu vehículo, ata o lugar de inicio do roteiro.
Esta Fraga posúe unha cantidade de especies vexetais autóctonas incomparable a calquera das da súa contorna. No seu percorrido cruzaranse bosques autóctonos en busca de fungos. Aprenderase a identificar os diferentes cogomelos que podemos atopar na nosa comarca, descubrindo o seu valor biolóxico e gastronómico. Ademais durante todo o percorrido poderase gozar dunha paraxe natural de gran biodiversidade e dunhas vistas outonais preciosas das montañas que rodean o val.
Municipio: O Valadouro.
Data: 21 de novembro do 2020.
Hora de inicio: 10:00 h.
Duración: 3 horas aproximadamente.
Lugar de inicio: Ferreira do Valadouro.
Lonxitude: 4 km.
Dificultade: Baixa.
Trazado: Circular.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo, preferiblemente impermeable. Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.