Obradoiro científico na praza Maior de Lugo

LugoXa
Organízase o venres 18 na Praza Maior de Lugo obradoiros científicos para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos.A inscrición é de balde.
Xuvenciacia ciencia laboratorio
15 Xuño 2021

As investigadoras da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC que lideran a iniciativa Pelayo e o peixe cebra axudan na investigación das enfermidades raras, un proxecto aberto á colaboración cidadá na plataforma de crowdfunding www.precipita.es, da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT), organizan este venres 18 dous obradoiros científicos e artísticos dirixidos ao público máis novo na praza Maior de Lugo.

Os obradoiros desenvolveranse en quenda de tarde. A primeira sesión, que se prolongará durante unha hora, comezará ás 17.00 horas e a segunda, ás 19.00 horas. Cada quenda admite un máximo de 12 participantes con idades comprendidas entre 5 e 10 anos.

O prazo de inscrición nestas actividades de divulgación científica permanece aberto ata o mediodía do xoves 17 de xuño. As persoas interesadas en tomar parte nestes obradoiros pode formalizar a matrícula a través do enderezo electrónico pezcebralugovet@gmail.com.

As persoas solicitantes deberán indicar o nome e a idade dos participantes, así como a quenda do obradoiro elixida e un número de teléfono de contacto. Tamén é posible formalizar a inscrición a través do número de teléfono 982 822 427, en quenda de 9.00 a 17.00 horas.

Os obradoiros programados permitirán aos rapaces participantes aprender ciencia a través do peixe cebra, un organismo que se está a usar cada día máis en investigación biomédica. Daquela, no marco desta actividade de divulgación científica na que, entre outros, participarán as profesoras Laura Sánchez Piñón e Maribel Quiroga Berdeal, os investigadores sacarán as cebriñas do acuario á rúa co obxecto de que os nenos coñezan mellor as utilidades deste peixe para investigar as enfermidades. Os obradoiros tamén servirán para coñecer outra información sobre os peixe cebra referida a coidados, características, proceso de reprodución... Ademais, os nenos e nenas tamén poderán ver a través dunha lupa microscópica os tecidos dos peixe cebra, os órganos e o seu rápido desenvolvemento embrionario.

cartel obradoiro cientifico
0.17141699790955