Novo programa de formación para impulsar a viticultura nas terras do Navia
A Deputación de Lugo impulsará a recuperación da vitivinicultura na conca do Navia en Galicia. A través dun convenio coa Asociación Galega de Viticultura (AGV), financiarase un programa de formación e asesoramento dirixido a persoas viticultoras ou interesadas en incorporarse á produción de viño no territorio da futura IXP Terras do Navia – Negueira de Muñiz e parte dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada-.
O presidente da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, explicou que, ademais das dúas bodegas que xa elaboran viños (Panchín e Sidrón), hai xente nova interesada en coller o testigo da viticultura, en manter as viñas familiares ou plantar viñas novas, e que precisan asesoramento nese proceso.
Programa de formación, asesoramento e divulgación
O programa, que conta cunha achega de 21.000 euros da área de Medio Rural, inclúe diferentes actividades, ligadas á formación, ao asesoramento e á divulgación dos viños e do territorio.
No eido da formación, desenvolveranse obradoiros e relatorios sobre as características, posibilidades de cultivo e potencial produtivos das castes autóctonas, planificación de parcelas e sistemas de plantacións, fertilización e manexo do solo, poda e sistemas de formación, defensa vexetal e control de doenzas e pragas ou cultivo da vide en ecolóxico.
A Asociación Galega de Viticultura creará un soporte técnico e de asesoramento, con persoal cualificado que preste servizo ás persoas viticultoras, tanto no campo administrativo como produtivo, mediante visitas concertadas en datas e lugares.
No relativo á divulgación dos viños e do territorio da IXP Terras do Navia, realizaranse coloquios, catas comentadas e vídeos divulgativos, así como un encontro adegueiro das IXP galegas. As actividades desenvolveranse ao longo de 2021 nos concellos de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada e Navia de Suarna.
A IXP, pendente da aprobación de Europa
O impulso dunha IXP vinculada a bacía do Navia é unha vella demanda dos produtores que a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñados da Ribeira do Río Navia formalizou ante a Consellería do Medio Rural en 2019.
O pasado mes de xuño, a Xunta deu luz verde á súa tramitación, pendente agora da resolución de Comisón Europea e da inscrición no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. De confirmarse a súa aprobación, Terras do Navia sería a única IXP da provincia de Lugo e a quinta de Galiza.
Dacordo coa solicitude tramitada, a área xeográfica amparada polo selo de calidade abranguería o concello de Negueira de Múñiz, na súa totalidade, e parte dos concellos de A Fonsagrada (parroquias de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar de Cuíña) e Navia de Suarna (parroquias de A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira.