O 2022 arrincará cunha nova programación do Centro de Interpretación Terras do Miño

LugoXa
A Deputación de Lugo arrancará o ano 2022 cunha nova programación que inclúe oito actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable
1 cartel actividades centro interpretacion terras do mino
1 cartel actividades centro interpretacion terras do mino
24 dic 2021

A Deputación de Lugo arrancará o ano 2022 cunha nova programación que inclúe oito actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable e a concienciación sobre a riqueza e o coidado do medio ambiente entre os veciños e veciñas da provincia no Centro de Interpretación Terras do Miño, na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un territorio xestionado pola propia institución provincial.

Estas propostas desenvolveranse no primeiro trimestre  do ano, dende o 3 de xaneiro ata o 25 marzo, e están pensadas para o público adulto e infantil. O prazo de inscrición abriuse este xoves. As persoas interesadas poden anotarse na páxina web da institución provincial http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais

A primeira proposta será Os Reis Magos chegan ás Terras do Miño, unha actividade pensada para o público infantil. Desenvolverase os días 3, 4 e 5 de xaneiro, en horario de mañá: de 10.00 a 14.00 horas. 

Para o mes de xaneiro tamén están programadas dúas actividades para público adulto. Por unha banda, entre os días 17 e 21 de xaneiro impartirase o Obradoiro de reciclaxe, reutilización e recuperación. E a continuación, entre os días 24 e 28 de xaneiro haberá un curso de poda. Estas dúas actividades desenvolveranse en horario de mañá. 

No mes de febreiro, a Deputación ofrece dúas actividades para adultos. Un deles é un obradoiro de restauración que se impartirá dende o 31 de xaneiro ata o 4 de febreiro; e o outro un curso que se desenvolverá do 14 ao 18 de febreiro, e que versará sobre o Uso racional dos agroquímicos: iniciación á produción integrada. 

Para os nenos e nenas en febreiro organizarase unha actividade con motivo do Entroido. Será dende o 28 de febreiro ata o 2 de marzo e denomínase Entroido científico. 

Durante o mes de marzo haberá dúas iniciativas para adultos. Por unha banda, un curso sobre cestería creativa que se desenvolverá entre os días 7 e 11 de marzo. E pola outra banda, un curso de enxerto de árbores froiteiras, que está programado entre os días 21 e 25 de marzo. Estas dúas actividades terán lugar de 10:00 a 14:00 horas. 

As iniciativas, debido ás actuais restricións sanitarias, contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas poden recibir máis información na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org

cartel actividades centro interpretacion terras do mino