O 43º Curso de cultura tradicional galega de Cántigas e Frores arranca en Lugo

O 43º Curso de Cultura Tradicional Galega organizado pola Asociación Cultural Cántigas e Frores deu comezo este xoves 2 de abril en Lugo cunha intensa programación centrada na formación e difusión da música e do folclore galego.
A xornada inaugural arrancou no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa recepción e presentación oficial do curso entre as 10:00 e as 10:30 horas. Ao longo do día, o alumnado participa en diferentes clases prácticas das especialidades escollidas, repartidas en varias sesións de mañá e tarde, consolidando así un programa formativo que abrangue boa parte da xornada.
O curso conta cun equipo docente especializado integrado por Marcos Botana, na especialidade de baile tradicional; Felipe Sar, en canto e pandeireta tradicional; Marina Vigo, en gaita; e Daniel Carballo “Maka”, en percusión tradicional, quen guían ao alumnado no perfeccionamento das distintas disciplinas.
A programación continuará o venres 3 de abril con novas sesións prácticas ao longo da mañá e da tarde, ás que se suma un obradoiro de técnica vocal no Auditorio Municipal Gustavo Freire entre as 13:00 e as 14:00 horas, impartido por Sara Nebra. Xa pola noite, ás 22:30 horas, o Club Clavicembalo acollerá a actividade “Ruada no Clavi: 10 anos dos Cantareiros”, que incluirá concertos dos grupos de Cantareiros, Cantareiras e o Cuarteto de Cántigas e Frores, rematando cunha foliada aberta.
O sábado 4 de abril desenvolverase a última xornada do curso, con novas clases prácticas pola mañá e pola tarde. Entre as actividades destacadas figura a presentación do libro Nova técnica de pandeireta galega, a cargo do seu autor Suso Vaamonde, prevista entre as 13:00 e as 14:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A clausura do curso e a entrega de diplomas terá lugar entre as 18:30 e as 20:00 horas, tamén neste espazo.
A programación completarase cunha foliada de fin de curso ás 22:30 horas no Restaurante Manuel Manuel, que servirá como peche festivo desta nova edición dunha iniciativa consolidada na promoción da cultura tradicional galega.