O 7 de maio podería saír investida Elena Candia, sendo a terceira muller alcaldesa de Lugo

O Concello de Lugo celebrará o pleno extraordinario no que se debaterá a moción de censura presentada polo Partido Popular, co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa, o xoves 7 de maio ás 12.00 horas. A convocatoria xa é oficial e actívase automaticamente ao décimo día hábil despois do rexistro da iniciativa.
Esta iniciativa política propón como candidata á Alcaldía a Elena Candia e conta co respaldo de 13 dos 25 membros da corporación, o mínimo necesario para acadar a maioría absoluta e poder formalizar a súa presentación.
Antes desta sesión extraordinaria terá lugar o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, previsto para o día 30, no que se abordarán cuestións de xestión do actual executivo municipal, entre elas a aprobación de créditos destinados ao pagamento de facturas pendentes. Nesa mesma sesión está prevista a toma de posesión da nova edil socialista, Eugenia Iglesias, que substitúe a Olga López Racamonde tras o seu recente falecemento.
A sesión na que se debaterá a moción estará presidida por unha mesa de idade, formada pola persoa concelleira máis nova e a de maior idade da corporación, quedando excluídos o actual alcalde, Miguel Fernández, e a candidata a substituílo, Elena Candia. Durante o pleno poderán intervir a aspirante á Alcaldía, o rexedor e os portavoces dos grupos municipais, coa excepción de María Reigosa pola súa condición de non adscrita, que só poderá fixar a súa posición.
Para que a moción saia adiante será imprescindible que os 13 concelleiros que a asinan estean presentes e voten a favor, xa que calquera ausencia ou abstención impediría alcanzar a maioría requirida.
No plano político, a normativa limita os dereitos económicos dos concelleiros non adscritos, o que impediría a María Reigosa percibir unha dedicación exclusiva en caso de cambio de goberno. Con todo, existen interpretacións distintas sobre a súa posible incorporación ao executivo municipal, algo que a propia Elena Candia xa avanzou ao asegurar que a exsocialista formará parte do novo goberno “dentro da legalidade”.
Se finalmente prospera a moción, Elena Candia converterase na nova alcaldesa de Lugo, sendo a terceira na lista de rexedoras desta lexislatura tras Lara Méndez e Paula Alvarellos, e o cuarto alcalde no que vai de mandato.
A partir do 7 de maio abrirase o proceso para que a nova alcaldesa configure a estrutura do seu goberno mediante o correspondente decreto de organización, ademais de formalizar o seu equipo de confianza nos diferentes departamentos administrativos. Candia xa avanzou que presentará ese organigrama unha vez se oficialice a súa toma de posesión.
DECLARACIÓNS DO ACTUAL ALCALDE DE LUGO
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que, mentres non chegue o día 7, “nada cambiou”, polo que manterá a súa axenda e continuará traballando en “todos os proxectos que están en marcha, como tamén fariamos no hipotético caso de que prosperase a moción”.
“Somos leais e temos un compromiso coa veciñanza, polo que, tanto desde o goberno como desde a oposición ou mesmo desde o ámbito privado, apoiaremos todos os proxectos e iniciativas que beneficien a cidade, por respecto á cidadanía”.
A este respecto engadiu ademais que “no caso de estar na oposición” farán seguimento dos proxectos comprometidos para que se leven a cabo e seguirán traballando para que así sexa.
Con respecto ás eleccións municipais de 2027, o rexedor mostrouse firme na súa intención de encabezar a lista socialista e asegurou con rotundidade que volverá ser alcalde en maio de 2027.
O alcalde explicou que a súa candidatura aos próximos comicios “non está en cuestión neste momento, é algo que se dá por feito” e engadiu que “dentro dun ano estaremos gobernando a cidade de Lugo”.