O albergue Benigno Quiroga de Portomarín acolle este verán 250 participantes nun campamento

LugoXa
A Xunta organiza cinco quendas para nenos e nenas de entre 9 e 11 anos cun programa centrado no deporte, a natureza e o lecer saudable
Portomarin-campamento
18 Jul 2026

A Xunta desenvolve este verán no albergue Benigno Quiroga de Portomarín o campamento xuvenil A miña primeira aventura, unha proposta dirixida a rapaces e rapazas de entre 9 e 11 anos. Ao longo dos meses de xullo e agosto celebraranse cinco quendas que suman un total de 250 prazas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou as instalacións para coñecer de primeira man o desenvolvemento desta iniciativa, que ofrece aos participantes un amplo programa de actividades deportivas, ambientais e de ocio.

Entre as propostas previstas figuran rutas en bicicleta, tiro con arco, slackline, construcións con elementos naturais, aprendizaxe de técnicas de vivac, actividades na aula da natureza, obradoiros sobre conservación do medio ambiente e reciclaxe, xincanas de aventura, sesións de piscina, xogos acuáticos, experimentos de ciencia e diferentes excursións pola contorna de Portomarín.

Ademais deste campamento, o albergue Benigno Quiroga acollerá durante o verán outra quenda con 50 prazas dentro da oferta concertada da Xunta, un programa mediante o que a Administración autonómica cede as súas instalacións para o desenvolvemento de actividades de ocio e tempo libre promovidas por entidades sen ánimo de lucro.

Durante a visita, Villares lembrou que a campaña Modo Verán Activo, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, oferta este ano un total de 2.593 prazas na provincia de Lugo entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado.

No conxunto de Galicia, a programación estival supera as 11.900 prazas destinadas a nenos, nenas e mozos de entre 9 e 30 anos.

0.13994789123535