O alcalde de Burela amósase preocupado pola decadencia do tren na comarca
O alcalde, Alfredo Llano, considera que sería necesario ir recuperando o servizo do tren que discorre pola costa ademais de melloralo. O rexedor di que non se pode admitir que todo estea en decadencia na Mariña e critica o estado de abandono que presenta a estación de Burela. Alfredo Llano e a alcaldesa de Moeche falaron esta mañá e acordaron convocar unha xuntanza para abordar toda esta problemática coa Xunta de Galicia, con Renfe e con Adif. Ao encontro serán convocados todos os alcaldes da Mariña, Ortegal e Ferrolterra.
O rexedor burelés declarou que “tiven un contacto coa alcaldesa de Moeche, porque tanto ela como eu, formamos parte dunha comisión que viñamos falando desde fai moito tempo con respecto a Feve. Tiñamos unha comisión, onde estabamos representados tanto Ferrolterra como Ortigueira e A Mariña, con alcaldes na que facíamos reunións periódicas con Feve, RENFE e a Xunta de Galicia”.
LLano sinalou que “a problemática que se está vendo salta á vista. Hoxe todo o servizo de Feve está pedindo axuda e berrando que lle fagan caso porque realmente está a deteriorarse dunha maneira impresionante. Por un lado, o servizo que estiveron minimizando debido á pandemia, pero agora xa tiña que estar recuperado e haber non soamente un tren senón os que se precisen. Naquelas reunións chegamos a un compromiso tanto para á Mariña como para Ferrolterra e Ortigueira de servizos de tren, de atención ás estacións e de obras, e non se está cumprindo absolutamente nada”.
Para Alfredo Llano “é preocupante que exista este deterioro así como que non quere a cousa. Deixase ir pasando o tempo, hai un abandono absoluto, soamente hai que ver como teñen a estación de Burela, que imos ter que segala nosoutros porque está completamente abandonada e non queremos que teña esa visión un pasaxeiro ou calquera que veña a Burela. Todo isto ocorre pola pouca atención que se está facendo a este servizo público, que penso que é fundamental e debe ser fundamental no futuro. Non soamente hai que pensar en recuperalo senón que hai que pensar en melloralo. Hai que facer moita obra, hai que facer moito mantemento, novos investimentos e ter novos trens. Todo isto hai que reclamalo con contundencia e decisión vendo que ten que haber nos orzamentos cartos para atender a isto, porque nin se atende o de Feve, nin tampouco se sigue coa vía de alta capacidade nin coas autovías, que agora mesmo están paradas. Na Mariña non podemos admitir que todo agora mesmo estea en decadencia senón que hai que procurar darlle para arriba a todas estas actuacións porque son fundamentais para un desenvolvemento integral na nosa comarca tanto no aspecto social como no económico”.
O alcalde de Burela anunciou que “imos pedir unha reunión, xa fai tempo que non nos convocan para nada, para chamar a atención sobre o que estamos observando e ver porque non se cumpriron aqueles compromisos que estaban sobre a mesa. Por exemplo nosoutros pedíamos un tren de cercanías Ribadeo-Viveiro e Viveiro-Ribadeo, e a zona de Ortegal pedía tamén un tren de cercanías para trasladarse a Ferrol. Pois imos volver retomar isto porque penso que é importantísimo para contar cun servizo público destas características e para que nosoutros procuremos unha comarca con todas as vantaxes socioeconómicas para que a xente se vexa con confianza. Xa chega a problemática que estamos vendo agora co de Alcoa, con toda a crise económica e coa cuestión sanitaria. Imos convocar unha nova reunión, queremos que veñan todos os alcaldes afectados, tanto de Ferroltera como de Ortigueira e A Mariña, e ter claro que queremos un servizo público de calidade en todos os aspectos”.