O alcalde de Burela considera insuficientes os socorristas contratados pola Xunta

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Alfredo Llano, subliña que os seis socorristas que a Xunta lle subvencionará ao Concello de Burela son insuficientes para atender aos areais con bandeira azul e as esixencias marcadas para frear a expansión do Covid-19.
15 Xuño 2020

O alcalde, Alfredo Llano, subliña que os seis socorristas que a Xunta lle subvencionará ao Concello de Burela son insuficientes para atender aos areais con bandeira azul e as esixencias marcadas para frear a expansión do Covid-19.

O rexedor dixo que “despois de tanto tempo agardando pola resposta da Xunta respecto aos socorristas é triste ver que dos 10 que pedimos no Concello de Burela déronos 6. É o menor número en todo o tempo que eu coñezo de socorristas na zona, porque parece ser que é unha cuestión que se nota en toda A Mariña, e en Burela concretamente”.

Llano sinalou que “evidentemente con 6 socorristas non amañamos porque nosoutros temos este ano tres praias con bandeiras azul e ademais é moi difícil coas esixencias que hai pola pandemia do coronavirus e por como hai que responder ante este reto para evitar que se expanda a pandemia. E precisamente cando máis se necesita que nos dean menos socorristas indica que non hai moito interese en favorecer aos concellos neste sentido”.

O alcalde burelés manifestou que “están a falar de que hai que ofrecer un bo servizo nas praias para atraer xente que veña ao noso litoral, pois é importantísimo que nos visiten loxicamente, pero se non se axuda para que teñamos mellores servizos é imposible”.

Para Alfredo Llano “é unha decepción porque con 6 socorristas igual teremos que prescindir dalgunha bandeira azul, o que é unha pena porque non é fácil acadalas. É un merecemento que ten a veciñanza de Burela o ter estas tres praias con bandeira azul e cun resultado de excelente na cualificación das súas augas nas 4 praias principais que temos: A Marosa, Ril, O Portelo e O Cantiño”.

O rexedor engadiu que “evidentemente xa tíñamos previsto que igual non nos concedían os 10 socorristas, pero contábamos con 8 polo menos, ao ter as tres praias con bandeira azul. Xa temos disposto contratar outros 2 socorristas, a través do Plan Único, pero se hai que contratar a 4 xa vai ser máis difícil. Xa veremos como é a resposta dos Concellos porque non se nos pode esixir algo que non se pode cumprir. Pero miraremos como podemos facer dalgún xeito para que a xente poida acudir ás praias con sensación de seguridade, que é o que pretendemos, pero desta maneira non é moi doado acadalo”.

0.13721299171448