O alcalde de Burela valora os 73.000 euros da Xunta para remodelar a estación de tren e de autobuses

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
27 Ago 2019

O alcalde, Alfredo Llano, valorou de xeito positivo o anuncio realizado polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, dun investimento de preto de 73.000 euros para remodelar a estación do tren e de autobuses de Burela. Llano lembrou que se trata dunha vella demanda, que é moi necesaria para mellorar a imaxe desas instalacións. 

O rexedor contou que “tivemos a visita do delegado da Xunta, o señor Balseiro, para anunciar melloras na estación do tren e de autobuses de Burela, cuestión que xa viñemos reclamando hai moi tempo, xa reclamara persoalmente isto nas reunións que víñamos facemos periodicamente da comisión que tíñamos da Mariña con FEVE, a Xunta de Galicia e representantes de ADIF, que eran en Moeche ou en Ferrol”.

Llano lembrou que “xa estivo aquí unha empresa hai tempo para preguntarnos que tipo de melloras se podían realizar, estivemos con eles e fíxose todo de acordo con aquelas reclamacións que nosoutros formuláramos. Hai que ter en conta que a última reforma que se fixo nesta estación foi no mandato do ano 2007 ao 2011, cando gobernábamos nosoutros. Fixérase daquela unha boa remodelación e mellora en moitos aspectos, por exemplo na escaleira de acceso á estación, que é daquela época. E agora xa correspondía facer unha nova intervención na estación do tren e de autobuses de Burela porque consideramos que é moi empregada. Agora coa cadencia de autobuses que está habendo na Mariña máis a promoción que queremos facer do tren para que sexa un servizo público moi empregado desde logo necesitaba unha reforma en algúns aspectos como o mobiliario, a electricidade, a pintura, o teito da estación e todo o que sexa mellorable e que sirva para que os usuarios noten que temos unha boa estación”.

Para Alfredo Llano “tamén se vai facer unha cousa moi importante e que era moi necesaria, aínda que xa actuaramos nosoutros por iniciativa propia do Concello, para tapar unhas enormes fochancas na zona onde aparcan os autobuses, e agora esa superficie, que son aproximadamente 1.100 metros cadrados, vai ser asfaltado con dúas capas, o que vai repercutir nunha calidade extraordinaria. E por fin vamos darlle outra imaxe a esta estación”.

O alcalde de Burela engadiu que “todo o que sexa mellorar todos os ámbitos de Burela parécenos de marabilla e nós estamos aquí para colaborar e participar en todo o que se nos pida para que isto sexa unha realidade o antes posible. Son case 73.000 euros os que se van investir aquí e esperemos que toda xente note esta mellora que se vai facer”.

 

 

0.15821886062622