O alcalde de Friol destaca os investimentos da Xunta en infraestruturas locais

LugoXa | TerraChaXa
Os orzamentos autonómicos recollen 2 millóns de euros para a estrada LU-231, 570.000 para o abastecemento de Seixón e 345.000 para o saneamento de Trasmonte
jose-angel-santos-alfonso-rueda
20 Oct 2026

O alcalde de Friol, José A. Santos pon en valor os investimentos recollidos nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, que contemplan "actuacións relevantes" para o municipio nos ámbitos das comunicacións, a atención social e a mellora dos servizos básicos.

Unha das intervencións máis destacadas para o alcalde é a mellora da estrada LU-231, que comunica Friol con Palas de Rei, cun investimento de 2 millóns de euros para acondicionar os 9,3 quilómetros pendentes. "Esta actuación permitirá completar a renovación dos 18,7 quilómetros da vía, mellorando as comunicacións e a seguridade dunha infraestrutura estratéxica para Friol e para as súas conexións coa A-54, en Palas de Rei, e coa A-6, en Begonte", explica o alcalde.

No ámbito social, destaca o Centro de Atención Integral para persoas con autismo, un equipamento duns 3.200 metros cadrados distribuídos en catro plantas. A dotación prevista destinarase a sufragar o custe da súa posta en funcionamento, un paso esencial para facer realidade este servizo, que contará con 48 prazas concertadas e que suporá un importante recurso asistencial para as persoas con autismo e as súas familias.

A estes proxectos suma dúas actuacións "fundamentais" para o rural de Friol, cuxa execución está prevista para o vindeiro ano. Trátase da mellora do abastecemento de auga en Seixón, cun investimento de 570.000 euros, e do saneamento do núcleo de Trasmonte, cunha dotación de 345.000 euros. Ambas permitirán modernizar infraestruturas esenciais e mellorar a calidade dos servizos que recibe a veciñanza.

O alcalde salienta que "estes investimentos son importantes para Friol porque responden a necesidades reais da nosa veciñanza. Falamos de mellorar as comunicacións, reforzar a atención social e garantir servizos básicos de calidade, tanto na capitalidade como nas parroquias".

Así mesmo, destaca a importancia da colaboración entre administracións para impulsar proxectos que contribúan ao desenvolvemento do municipio e á mellora da calidade de vida da cidadanía.

"Queremos un Friol con mellores infraestruturas, máis servizos e máis oportunidades de futuro. Seguiremos traballando e defendendo os intereses do noso concello para que estes investimentos se convertan en realidades e supoñan melloras concretas para toda a veciñanza", conclúe o alcalde.

0.14998316764832