O alcalde de Lugo inicia contactos cos colectivos afectados pola nova mobilidade no Casco Histórico

LugoXa
Miguel Fernández busca adaptar o modelo ás necesidades reais da veciñanza e do tecido económico local coa peonalización total do centro
reunion-Adis-Lugo
21 Jul 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, iniciou a rolda de encontros cos colectivos afectados polos cambios de mobilidade derivados da peonalización integral do Casco Histórico.

A primeira reunión tivo lugar coa asociación ADIS Lugo, que agrupa ao sector da distribución, e da que o Goberno local fixo unha valoración positiva.

Pola tarde é a quenda dos repartidores autónomos, e nos vindeiros días está previsto manter novas xuntanzas coas asociacións de comerciantes e cos representantes veciñais da zona amurallada.

Segundo explicou o rexedor, o obxectivo destas reunións é “recoller as achegas finais dos distintos colectivos que desenvolven a súa actividade no Casco Histórico para axustar o novo modelo de mobilidade dunha forma que sexa o máis eficaz e equilibrada posible para todas as partes implicadas”.

Miguel Fernández insistiu na importancia de converter o centro histórico nun espazo peonil e libre de tráfico de paso, unha actuación que definiu como “unha aposta con visión de cidade, orientada a mellorar a calidade de vida, fomentar un modelo urbano máis sostible e destacar o valor patrimonial da Muralla e do seu contorno”.

Porén, recoñeceu que este proceso require un diálogo constante e unha atención específica aos distintos usos que conviven no recinto, como o residencial, o comercial, o cultural ou o recreativo.

O alcalde reiterou que o Goberno local ten a vontade de que o modelo final de mobilidade atenda ás necesidades reais da veciñanza, dos negocios e dos colectivos profesionais que operan no centro. “Só así conseguiremos un Casco Histórico vivo, accesible e plenamente funcional para todas e todos”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.18934082984924