O alcalde de Lugo ve como posibilidade "impulsar un PERTE da auga" como solución ás borrascas

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, supervisaron os danos provocados pola borrasca Olivier no Río Rato, que afectou a este espazo natural moi empregado polos veciños e veciñas.
O mandatario provincial explicou que os técnicos da Deputación, en colaboración coa empresa pública Tragsa, medio propio da Deputación, están a realizar unha avaliación exhaustiva dos desperfectos causados polas intensas chuvias do pasado venres: “Estamos a traballar para reparar coa máxima celeridade as consecuencias desta tormenta, que nos colleu a todos por sorpresa”, asegurou.
A Deputación puxo en marcha unha folla de ruta para facer fronte a esta situación, que inclúe a solicitude dunha actuación de emerxencia á Confederación Hidrográfica e a elaboración dunha memoria técnica co obxectivo de cuantificar os custes das actuacións que serán necesarias.
“Os danos son significativos, hai catro pasarelas peonís que haberá que reparar por completo e no firme do paseo, que teremos que acondicionar integramente; ademais, levaranse a cabo tarefas de limpeza nos marxes do río”, explicou Tomé, ao tempo que informou que responsables da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estiveron no lugar supervisando o acontecido.
“Desde o primeiro momento mobilizamos todos os recursos necesarios para garantir a seguridade na zona. Agardamos dispoñer da valoración técnica na vindeira semana para poder actuar con rapidez”, concretou Tomé Roca.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo puxo en valor a resposta conxunta entre Deputación e Concello, e lembrou que os efectos do cambio climático son cada vez máis evidentes. “Estes fenómenos meteorolóxicos son cada vez máis frecuentes. Por iso, estamos a analizar os puntos críticos afectados polos asolagamentos, co obxectivo de aplicar medidas efectivas como o impulso dun PERTE da auga, que nos permitirá dixitalizar a rede municipal e acceder a datos en tempo real. Isto facilitará unha resposta máis áxil e eficaz ante futuras emerxencias”, subliñou o rexedor.
Como medida preventiva e para garantir a seguridade das persoas usuarias, a Deputación desviou provisionalmente o tránsito polo carril bici, recomendando á cidadanía seguir a sinalización habilitada e evitar o paso polas zonas danadas ata novo aviso.
SUPERVISIÓN DOS TRABALLOS EN ALBEIROS
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, tamén supervisou oa traballos de limpeza que está a levar a cabo o servizo municipal LuceLugo no cauce do río Rato no barrio de Albeiros.

As tarefas concentráronse nun tramo de 50 metros especialmente afectado pola acumulación de restos arrastrados pola riada nos momentos de máxima presión dos tanques de tormenta, pero tamén se actuou noutras zonas da cidade onde se rexistraron incidencias doutra índole.
Miguel Fernández subliñou que “o Goberno local actuou con rapidez e eficacia para recuperar a normalidade e protexer a veciñanza”, e destacou a importancia do sistema de tanques de tormenta, “que converte a Lugo nunha cidade pioneira e evitou danos aínda maiores”.
O alcalde lembrou que a cidade sufriu un episodio meteorolóxico extremo, con máis de 77 litros por metro cadrado nunha hora, e que fenómenos coma este evidencian os efectos do cambio climático. Nese sentido, puxo en valor a estratexia do Executivo municipal para preparar Lugo fronte a novos riscos, co impulso de proxectos innovadores como a concorrencia aos fondos do PERTE do ciclo da auga.
O Goberno local, a través do servizo municipal LuceLugo, organizou dúas brigadas habilitadas con maquinaria pesada e ferramenta específica para operar no cauce do río para levar a cabo estes labores, que se prolongarán ao longo dos próximos días, cando se estima que cara final da semana poidan quedar arranxadas a meirande parte das zonas afectadas.