O alcalde de Ribadeo asegura que a crise implicará cambios nos orzamentos municipais
O alcalde, Fernando Suárez, asegura que esta crise sanitaria, derivada da pandemia do Covid-19, implicará cambios nos orzamentos municipais, tanto no capítulo de ingresos como de gastos, para dar cobertura a todas as medidas que están a poñer en marcha e ás que poidan xurdir más adiante.
O rexedor sinalou que “dentro desta situación derivada do coronavirus e o deber de contribuír que temos todos e todas tamén desde o Concello de Ribadeo, dentro das nosas posibilidades e competencias, tratamos desde un primeiro momento de desenvolver accións e tomar decisións para axudar a toda a nosa cidadanía, especialmente aos comerciantes e empresarios”.
Suárez Barcia dixo: “realizáronse varias desinfeccións con medios propios e cando non foi posible botando man de medios alleos. Fíxose, entre outros lugares, na residencia de maiores nova e no hospital asilo, nas rúas e outros espazos públicos, por fóra dos establecementos esenciais que están abertos, nos contedores da vila e das parroquias, …”.
O alcalde lembrou que “habilitamos desde o primeiro momento o teléfono Apoiámoste, un servizo de luns a domingo de 9 da mañá a 9 da noite, para atender as necesidades básicas que poida ter a poboación. Tamén puxemos en marcha recentemente un novo teléfono de información para resolver dúbidas e axudar nos procesos relativos ás medidas e axudas dispersas que as administracións (do Estado, da Xunta e tamén do Concello) poñemos en marcha, como para situacións de desemprego, de ERTEs, moratoria no pago de hipotecas, etcétera”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “foron aprobadas unhas bases para a entrega de cheques de alimentos destinados a familias que o necesiten, para canxear nos establecementos locais adheridos. Ademais destes cheques continuamos tamén coa entrega de alimentos que xa víñamos realizando de xeito habitual pero que agora, como é lóxico, estamos reforzando. Promovemos nestes últimos días tamén a través de medios electrónicos a mediación para a venda de produtos agroalimentarios entre produtores e consumidores locais”.
O rexedor sinalou que “demos prioridade aos servizos económicos do Concello para o pagamento a provedores, sobre todo a aqueles pequenos e locais, para inxectar a maior liquidez posible no concello. E aprobamos un decreto que recolle medidas tributarias e fiscais para reducir a presión sobre os suxeitos pasivos; é dicir, devolveremos o xa cobrado en servizos municipais como escola de música, piscina, mercadiños, ocupacións de vía pública, etcétera, por non poder facer uso deses servizos. E non cobraremos aqueles outros conceptos, como auga ou lixo, daqueles sectores económicos que por peche obrigado do decreto de estado de alarma do Goberno non poderán abrir mentres estea en vigor”.
Suárez Barcia engadiu: “non somos triunfalistas, tampouco queremos ser agoiros. Estamos xestionando, dentro da novidade e dentro da dificultade que supón para todos nós unha situación coma esta, como mellor sabemos e podemos. É evidente que esta crise vai implicar cambios nas previsións económicas nos nosos orzamentos, tanto no estado de ingresos como no de gastos, e teremos que dar cobertura ás accións que estamos adoptando e a outras que seguramente nos próximos tempos teremos que adoptar. Isto vai implicar que certos servizos e actividades, incluso moi arraigadas, non se poidan desenvolver como viñamos facendo ata agora. Desde logo que o habemos facer con decisión e con afouteza, como estades demostrando ata agora todos vós, co voso empeño e ímpeto de resistencia diaria”.
E manifestou: “non habemos discutir con ninguén, asumiremos as críticas construtivas e as achegas desinteresadas, veñan de onde veñan, e destinaremos todos os nosos esforzos a loitar contra esta pandemia e a axudar na medida das nosas posibilidades aos veciños e ás veciñas de Ribadeo, que en definitiva é para o que nos puxestes aquí”.