O Alpha Wolf Pack de Lugo logra varias medallas na ‘Costa da Morte Cup’ de Jiu Jitsu Brasileiro celebrada en Sada

A localidade coruñesa de Sada foi sede o pasado sábado da ‘Costa da Morte Cup’, unha cita de Jiu Jitsu Brasileiro organizada pola Federación de Jiu Jitsu Deportivo (FIJJD) que reuniu preto de trescentos competidores chegados de diferentes comunidades autónomas.
Entre os participantes atopábase o equipo lucense Alpha Wolf Pack, dirixido por Krön Castaño, que logrou unha destacada colleita de medallas nas distintas categorías e modalidades da xornada.
Pablo Pérez foi un dos nomes propios da cita ao proclamarse campión tanto na modalidade con kimono como sen el, repetindo así o dobrete de ouros. Guillermo Pérez tamén asinou unha actuación notable: bronce con kimono e ouro na modalidade sen kimono, ademais de protagonizar, segundo o club, un campionato “espectacular” na categoría No Gi.
Pola súa banda, Nicolás Vázquez fíxose co ouro con kimono, mentres que Samuel Fernández logrou a prata nesa mesma modalidade. Joel Caballero sumou unha medalla de bronce, e Lucas Montenegro combinou un bronce con kimono cunha prata sen kimono. Marcos Arango, pola súa parte, conseguiu dúas medallas de prata, unha en cada modalidade.
En categoría feminina, Victoria Giménez subiu ao podio cun bronce con kimono e un ouro sen kimono. Aroa Pico, pola súa banda, asinou unha das actuacións máis comentadas do día ao facerse con tres medallas de prata —con kimono, sen kimono e na categoría absoluta sen kimono—, esta última aberta a todos os pesos. A súa participación no absoluto, onde chegou até a final, foi especialmente valorada pola esixencia dos combates disputados.
Na clasificación por equipos, Alpha Wolf Pack finalizou segundo na modalidade No Gi, cuarto en categoría infantil e quinto na modalidade con kimono.