O alumnado do CFEA de Becerreá completa a súa formación forestal no Courel

Un grupo de alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá participou esta semana nunha actividade formativa na Serra do Courel, organizada para complementar os coñecementos teóricos adquiridos nas aulas cunha experiencia directa sobre o terreo.
A xornada incluíu un percorrido pola Devesa da Rogueira e unha visita á Aula da Natureza de Moreda, no concello de Folgoso do Courel. Durante a actividade, os estudantes dos ciclos de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural e de Xestión Forestal e do Medio Natural puideron identificar as principais especies vexetais da zona e coñecer a riqueza dos seus ecosistemas.
A iniciativa tamén permitiu afondar na importancia da conservación ambiental e da xestión sostible dos espazos naturais, así como descubrir recursos e ferramentas de educación e interpretación ambiental. Con estas actividades, a Consellería do Medio Rural busca reforzar a formación práctica do alumnado e achegar os centros formativos á realidade e ás necesidades profesionais do sector forestal.