O alumnado dos Franciscanos propón parques acuáticos, máis polideportivos e unha zona de lecer na antiga estación de autobuses de Lugo

Medio cento de alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria do colexio Franciscanos de Lugo, de entre 9 e 10 anos, visitaron o Pazo de San Marcos para coñecer as instalacións da sede principal da Deputación. A presidenta da institución provincial, Carmela López, recibiu os escolares e compartiu con eles un encontro no que lles explicou como funciona a entidade e que servizos presta tanto aos concellos como á cidadanía.
A visita enmárcase no programa da Deputación de Lugo dirixido aos centros educativos de toda a provincia, que poden solicitar este tipo de actividades para achegar ao alumnado, dun xeito didáctico e ameno, o papel da institución provincial e o seu funcionamento.
Durante a súa estancia no salón de plenos, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de converterse en presidentas e presidentes por un día e presentar propostas para a provincia. Algunhas non conseguiron a unanimidade dos seus compañeiros, como a de que haxa clases os sábados, pero outras tiveron unha boa acollida. Entre as ideas que máis gustaron figuraron a creación de parques acuáticos, máis polideportivos e bosques, a transformación da antiga estación de autobuses de Lugo nunha zona de lecer e a incorporación de máis libros en galego ás bibliotecas.
Carmela López recibiu con agrado as propostas e compartiu cos escolares o seu interese pola natureza. Os alumnos e alumnas amosáronse moi participativos e, aínda que residen en Lugo, demostraron coñecer tamén outros puntos da provincia, como As Nogais, Burela, Castroverde, Vilalba e Baralla.
Ao remate do encontro, a presidenta entregoulles mapas para que continúen afondando no coñecemento do territorio lucense e nos "six seven concellos". Tamén recibiron un caderno da Deputación, no que moitos aproveitaron para anotar cuestións relacionadas coa visita e coas ideas que xurdiron durante a sesión.
Antes de reunirse con Carmela López, os escolares participaron nunha charla didáctica sobre a historia do Pazo de San Marcos e o funcionamento da Deputación. A través dun vídeo proxectado no salón de actos descubriron, entre outras cuestións, que a institución conta cunha granxa propia, a de Gayoso Castro. Ademais, os técnicos de protocolo explicáronlles a historia do edificio, as funcións da entidade provincial e os servizos que ofrece aos concellos e á cidadanía.