O Anxo Carro seguirá sendo a casa do Club Deportivo Lugo durante os próximos trinta anos

LugoXa
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu conceder unha nova concesión demanial directa ao club
Anxo-Carro
30 Jan 2025

O estadio Anxo Carro seguirá sendo a casa do Club Deportivo Lugo durante os próximos trinta anos.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu conceder unha nova concesión demanial directa ao club, garantindo así a continuidade do seu uso das instalacións ata, polo menos, 2055.

A Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, titular do estadio, formalizará a concesión mediante un documento administrativo.

Esta decisión supón un paso clave para a estabilidade do proxecto deportivo do CD Lugo, que desde 1974 emprega as instalacións do Anxo Carro, primeiro a través dun contrato de alugueiro coa Delegación Nacional de Educación Física e Deportes e, posteriormente, mediante concesións renovadas pola Xunta de Galicia.

Un compromiso de mantemento e melloras

Como parte do acordo, o Club Deportivo Lugo comprométese a asumir os custos de conservación, reparación, mellora, limpeza e seguridade do estadio, ademais do pagamento de impostos e subministracións.

Tamén deberá levar a cabo as obras necesarias para adecuar as instalacións ás exixencias técnico-deportivas marcadas polo Consello Superior de Deportes, así como calquera reforma esixida pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) ou pola normativa vixente.

Ademais, a concesión inclúe unha serie de obrigas en beneficio da Administración autonómica. O club cederá espazos publicitarios dentro do estadio para promover a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cun investimento mínimo de 15.000 euros anuais en soportes publicitarios. Así mesmo, facilitará dez entradas na zona de palco presidencial para cada evento deportivo que se celebre no Anxo Carro.

A renovación desta concesión representa un paso estratéxico para o CD Lugo, que asegura así a súa vinculación co estadio sen incertezas a longo prazo.

0.12756109237671