O Arde Lucus escolle o cartel para o seu 25 aniversario entre 77 propostas artísticas

A festa de recreación histórica do Arde Lucus está a punto de coñecer cal será a imaxe que marcará o seu 25 aniversario, seleccionada entre preto de 80 propostas de estilos artísticos moi diversos. Estas creacións poderanse visitar desde o 10 de abril e ao longo do próximo mes na Casa da Xuventude, que tamén acollerá o martes 14 o veredicto do xurado profesional, encargado de elixir a proposta gañadora, que recibirá un premio económico de 1.900 euros.
Entre os requisitos obrigatorios das obras figura a inclusión da lenda en latín Annvs Argentevs, en referencia ao “ano de prata”, que simboliza os 25 anos da festa. Ademais, os deseños deben ser orixinais, reflectir tanto o mundo romano como o castrexo, incorporar logotipos e cores específicas, indicar a declaración do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional e incluir as datas desta edición, que se celebrará do 18 ao 21 de xuño.
A pesar destas especificacións, a elección non será doada para o xurado, que deberá decidir entre 77 propostas que compiten non só polo premio económico senón tamén por converterse na imaxe dunha celebración que medra cada ano en recoñecemento e prestixio. As bases, presentadas en febreiro, subliñaban que os deseños debían reflectir o espírito da festa, poñendo especial énfase na reconstrucción histórica e na volta da cidade ás súas orixes.
O xurado profesional está composto polo arquitecto e profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Pablo Ferreiro-Mazón, polo arqueólogo do Concello de Lugo Enrique González e por unha terceira persoa en representación da USC. Ademais, participarán o concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, e unha técnica de Xuventude, sen que ningún deles teña voz nin voto.
A decisión valorarase segundo criterios de deseño, composición estética, creatividade, comunicación visual e coidado nos acabados, entre propostas que van desde deseños minimalistas ata creacións con composicións fotográficas ou ilustracións, buscando sempre o maior impacto visual posible.