O Arde Lucus xa ten a súa moeda oficial castrexa que resalta a figura dos mercenarios

LugoXa
Poñeranse a venda 1.000 exemplares da peza que acuñou por sexto ano a asociación Cultural de Recreación Histórica Mercenarios Galaicos
moeda_arde_lucus_2024_
29 Maio 2024

A asociación Cultural de Recreación Histórica Mercenarios Galaicos presentou a acuñación por sexto ano da moeda oficial castrexa do Arde Lucus. Nesta edición, decidiron resaltar a figura dos mercenarios que, dende a península, desprazáronse á Galia para combater aos romanos xunto aos celtas Parisii.

Da moeda, que mide 24 mm de diámetro, 1.5 mm de grosor e pesa 15 gramos, poñeranse á venda 1.000 exemplares que poderán ser adquiridos nos establecementos colaboradores, Yute (Rúa Nova 48) e Predio.es (Salvador de Madariaga 3, baixo), así como no campamento da asociación situado na Praza Horta do Seminario durante o Arde Lucus.

Os Parisii, un pobo que habitaba as beiras do Sena desde mediados do século V a.C. ata a época romana, deron nome á actual capital francesa, París. Durante a conquista romana da Galia, formaron parte dunha coalición de tribos galas e grupos de mercenarios na resistencia contra Julio César, encabezada por Vercingétorix no 52 a.C. Este pobo non só destacou na batalla, senón tamén na cuñaxe de moedas. Unha das súas pezas máis prezadas é a estátera de ouro, considerada unha das mellores moedas galas conservadas, con exemplares que se venderon por ata 45.000 euros.

A estátera, cuxo nome provén do grego e significa "peso", foi unha moeda de ouro ou prata utilizada en varias rexións de Grecia e emulada noutras partes da antiga Europa. No anverso da estátera parisii pódese observar unha cabeza mirando á dereita, co cabelo dividido en grosos guechos, mentres que no reverso represéntase un cabalo saltando á esquerda, cunha rede estrelada na parte superior e a lenda "Amhais 24" no borde esquerdo, facendo referencia á asociación e ao ano de emisión. O acto de presentación contou ca presenza do responsable de Xuventude, Jorge Bustos e unha pequena representación da asociación.

 

 

moeda_arde_lucus_2024
0.1296751499176