O Arenal Emevé masculino asalta o liderado cun triunfo por 3-0

O Arenal Emevé viviu unha xornada de contrastes no pavillón municipal de Lugo, cunha gran actuación do equipo feminino, que perdeu por 2-3 ante o Emalsa Gran Canaria, e unha contundente vitoria do conxunto masculino, que superou por 3-0 ao CID Jovellanos, líder do Grupo C da Superliga 2.
As xogadoras dirixidas por Andrés Hurtado puxeron contra as cordas a un dos favoritos da Liga Iberdrola nun encontro moi igualado, que se resolveu no tie-break. As lucenses comezaron cedendo o primeiro set por 25-27, pero reaccionaron para gañar o segundo por 25-23 e dominar con claridade o terceiro (25-14).
No cuarto parcial, o Arenal Emevé chegou a dispoñer dunha bóla de partido, pero o conxunto canario remontou para forzar a morte súbita cun novo 25-27. No desempate, o maior fondo de armario e a superioridade física das visitantes acabaron decantando o encontro por 12-15.
Pola súa banda, o equipo masculino de José Valle celebrou o San Froilán cun triunfo sólido ante o CID Jovellanos, ao que derrotou por 3-0 (25-18, 25-18 e 25-23). Os lucenses impuxeron o seu ritmo nos dous primeiros sets e, malia as dificultades do terceiro, souberon resolver o partido nos puntos decisivos.
Con dúas vitorias en dous encontros, os loitadores sitúanse na cabeza da clasificación e manteñen un balance perfecto de seis sets gañados e ningún cedido.