O Arenal Emevé reforza a colocación coa chegada da arxentina Catalina Rochaix

O Arenal Emevé reforza unha das posicións máis importantes do voleibol moderno coa chegada de Catalina Rochaix. A colocadora arxentina aterra en Lugo despois de converterse nunha das xogadoras máis destacadas do voleibol universitario estadounidense e tras acumular experiencia internacional coa selección do seu país.
Con 23 anos, a nova xogadora das Loitadoras afrontará na Liga Iberdrola a súa primeira experiencia no voleibol europeo tras completar unha exitosa etapa de catro tempadas na Eastern Illinois University, onde se consolidou como unha das mellores colocadoras da Ohio Valley Conference (OVC), unha das competicións de referencia do voleibol universitario norteamericano.
Rochaix pechou a súa carreira universitaria deixando unha fonda pegada no programa das Panthers. Foi elixida Mellor Colocadora do Ano da OVC nas tempadas 2023 e 2025, ademais de formar parte do equipo ideal da conferencia en ambas campañas. No seu último curso liderou a competición en asistencias por set cunha media de 10,86 e superou as 1.200 asistencias totais, acadando tamén as 3.000 asistencias na súa traxectoria universitaria.
A nova directora de xogo do conxunto lucense chega ademais nun dos mellores momentos da súa carreira deportiva. Tras completar a súa etapa universitaria nos Estados Unidos, Rochaix forma parte actualmente do grupo de traballo das Panteras, a selección absoluta de Arxentina, coa que prepara os compromisos internacionais do ciclo 2026.
A súa presenza na convocatoria do seleccionador Daniel Castellani supón un importante respaldo á súa progresión nos últimos anos. Internacional desde categorías inferiores, tamén defendeu a camiseta arxentina en sub-19, sub-21 e sub-23, acumulando experiencia en competicións internacionais de alto nivel.
Antes da súa etapa nos Estados Unidos, xa competira na elite arxentina en clubs como Universitario de Córdoba, Estudiantes de La Plata e Atenas, xogando desde moi nova en escenarios destacados do voleibol do seu país.
O adestrador do Arenal Emevé, Andrés Hurtado, destaca que “Catalina é unha xogadora que procede dos Estados Unidos e encaixa perfectamente na idea de xogo que queremos desenvolver”. O técnico sinala que a súa incorporación permitirá dar un paso adiante no modelo competitivo do equipo.
“Queremos un voleibol rápido, dinámico e vistoso, e ela ten as características necesarias para liderar ese estilo. É unha colocadora capaz de interpretar moi ben as situacións de partido e de potenciar os aspectos técnicos e tácticos do equipo”, engade.
Hurtado tamén subliña a súa madurez competitiva tras a etapa universitaria: “Afronta un novo reto en Europa e necesitará adaptación, pero é unha xogadora experimentada, con traxectoria internacional e presenza na súa selección”.
A chegada de Rochaix permite ao Arenal Emevé completar unha peza clave no seu proxecto deportivo. Coa dirección de xogo xa definida e as incorporacións de Aina Ginestà e Irene Ruiz, xunto coa continuidade de Amelia Portero, as Loitadoras continúan configurando un equipo co obxectivo de asegurar a permanencia na Liga Iberdrola e consolidar un modelo de crecemento sostido no voleibol español.