O Arenal Emevé reforza o centro da rede coa incorporación do brasileiro Gregory Silva

O Arenal Emevé continúa configurando o seu equipo masculino para a tempada 2026/27 coa incorporación do central brasileiro Gregory da Silva. O novo xogador do conxunto lucense, de 26 anos e dous metros de altura, chega a Lugo cunha ampla experiencia no voleibol do seu país e cunha primeira etapa en Europa.
A entidade lucense busca con esta fichaxe incrementar a súa fortaleza no centro da rede, especialmente no bloqueo. O adestrador, José Valle, destaca as condicións físicas do brasileiro e a súa capacidade para achegar velocidade ao ataque. "Gregory é un central con moi boas condicións físicas, forte na rede e con capacidade para darnos presenza en bloqueo e velocidade no ataque. Cremos que pode axudarnos especialmente a ser máis sólidos no centro da rede", explica.
Gregory Silva formouse no voleibol brasileiro e deu os seus primeiros pasos no AVP-Palmas antes de incorporarse ao SESI-SP, un dos clubs destacados do país. Alí tivo a oportunidade de competir na Superliga e adquirir experiencia na máxima categoría.
Na tempada 2017/18 formou parte dun equipo que conseguiu o subcampionato tanto da Superliga como da Copa de Brasil. No seguinte curso volveu rematar segundo na principal competición nacional, proclamouse campión da Supercopa de Brasil e alcanzou a terceira posición na Copa Libertadores.
A súa carreira continuou posteriormente no Vôlei Itapetininga e en equipos como SMEL Araucária/ASPMA/Berneck, Super Vôlei Santo André e A.A. Neurologia Ativa, acumulando experiencia en diferentes proxectos dentro do voleibol brasileiro.
Experiencia en Europa e coa selección brasileira
O central deu o salto ao voleibol europeo na campaña 2023/24 para defender as cores do Partizani Tirana. A súa etapa en Albania rematou con dous títulos, ao conquistar a Superliga e a Copa do país, aos que sumou unha terceira posición na Supercopa.
Gregory Silva conta ademais con experiencia internacional nas categorías inferiores de Brasil. En 2016 integrou a selección brasileira sub-19 que conseguiu a medalla de prata no Campionato Suramericano.
O corpo técnico do Arenal Emevé pretende aproveitar especialmente a súa capacidade de bloqueo, pero tamén as posibilidades que ofrece en ataque. "Esperamos que nos axude moito en bloqueo e que, cando consigamos construír unha boa recepción, tamén poida ofrecernos un ataque rápido e efectivo polo centro", sinala Valle.
A presenza ofensiva do brasileiro permitirá ao equipo lucense incorporar novas variantes ao seu xogo e buscar máis espazos para o resto dos atacantes. Con esta incorporación, o Arenal Emevé suma potencia física, experiencia e capacidade de bloqueo ao seu centro da rede para afrontar a nova tempada.