O artista Edu Gil Alsina protagoniza a súa primeira exposición individual en Galicia e será en Lugo

GaliciaXa | LugoXa
A mostra inaugúrase o 12 de marzo na galería NÉBOA e permanecerá aberta ata o 24 de abril
El-mico-blau-exposición-Lugo
10 Mar 2026

A galería NÉBOA de Lugo inaugura o xoves 12 de marzo ás 19:30 horas El mico blau, a primeira exposición individual en Galicia do artista Edu Gil Alsina (Barcelona, 2002). A mostra poderá visitarse ata o 24 de abril e presenta unha proposta pictórica que combina observación do contorno e exploración das potencialidades da imaxe.

O traballo de Gil Alsina investiga o vínculo entre desprazamento e mirada, establecendo un diálogo constante entre o formal e o narrativo, entre a pintura e aquilo que acontece dentro e fóra do bastidor. As obras configúrense como elementos en tránsito, nunca pechados nin resoltos, onde a repetición, a fragmentación e o cambio de escala xeran desprazamentos de sentido e crean un espazo de ambigüidade e atención. A pintura convértese así nunha superficie de pensamento e nun espazo de manobra, onde ver non equivale necesariamente a comprender, senón a permanecer nun estado de escoita e dispoñibilidade.

Entre as pezas expostas destaca Isabel (2025), un lenzo de gran formato que actúa como eixo central da mostra e establece un diálogo coa obra Joven con diábolo (2003–2005) da pintora Isabel Baquedano (1929–2018). A través desta cita e relectura, o artista constrúe unha ponte entre xeracións, promovendo unha reflexión sobre a memoria pictórica, a escala e a distancia.

Graduado en Belas Artes pola Universitat de Barcelona (2024), Edu Gil Alsina realizou exposicións individuais en Espai 19 e Proyecto REME (Barcelona, 2025) e participou en colectivas en Halfhouse, Piramidón e Sala d’Art Jove, ademais do festival Art Nou. Participou en programas de residencia como o Centro de Arte Piramidón (2024) e as Residencias Artísticas Celestino Cuevas (2025), onde recibiu o premio á mellor obra do período, así como diversas bolsas e axudas á creación, entre elas Art Jove Creació, a Borsa de viaxe da Fundació Ramon Amigó Cuyàs e os Ajuts a la Creació da Fundació Felícia Fuster.

0.14168000221252