O artista lucense Simón García "Sonne" presenta a súa nova exposición 'Re-'

O artista lucense Simón García "Sonne" inaugurará o venres 17 de xullo, ás 19.00 horas, a súa nova exposición 'Re-' no Mesón do Forno, Casa de Artes e Comidas desde 1986. O creador estará presente na apertura da mostra para presentar persoalmente un proxecto composto por 15 collages e ilustracións dixitais inéditas, que se expoñen por primeira vez.
A exposición nace dunha reflexión arredor da incapacidade para satisfacer unha necesidade vital e das emocións que xorden cando a desesperanza parece instalarse. Segundo explica o propio artista, a mostra afonda nese momento no que todos os esforzos parecen insuficientes e, precisamente nesa situación límite, xorden novas posibilidades de transformación.
A través do collage e da ilustración dixital, 'Re-' explora unha forma de creación baseada na reinterpretación de obras e conceptos, reivindicando unha visión da arte como un proceso compartido no que os artistas dialogan e se inspiran mutuamente.
Sonne define este traballo como un exercicio de reconstrución persoal nacido tras atravesar un bloqueo creativo que lle impedía expresarse mediante o debuxo, o seu principal medio artístico. Foi a descuberta do collage, asegura, a que lle permitiu recuperar a capacidade de crear e transformar esa experiencia en expresión artística.
A mostra propón así unha reflexión sobre a reparación emocional, a creación como ferramenta para superar a dor e a importancia da arte como unha necesidade que, en determinados momentos da vida, pode chegar a resultar esencial.