O audiovisual lucense destaca na proxección dos videoclips finalistas aos Mestre Mateo

LugoXa
Artistas e profesionais do audiovisual compartiron detalles do proceso creativo nun encontro previo á gala en Lugo
proxección-videoclips-Mestre-Mateo-Lugo
13 Mar 2026

O Pazo de San Marcos acolleu a proxección e coloquio dos videoclips finalistas aos Premios Mestre Mateo 2026, nun acto no que participaron artistas e membros dos equipos de produción e realización das pezas audiovisuais.

O encontro contou coa presenza do músico do Valadouro Nuno Pico e do realizador cervense Xaime Miranda, responsables do videoclip «Ontes fun moi malo» do proxecto musical Grande Amore. Tamén participaron Fran Fórneas, produtor executivo, e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario do videoclip «Ferido», de O Xoán, iniciativa musical do actor chairego Xoán Fórneas.

A sesión contou ademais coa intervención da cantante de Ourol Sabela Ramil e de Andrea Mesa, produtora do videoclip «Non cho podo dar». Tamén participaron Fillas de Cassandra, representadas por Sara Faro e María Pérez, nomeadas polo videoclip «Hibernarse».

O coloquio estivo moderado pola artista Laura Lamontagne, quen tamén pechou o acto cunha actuación musical.

Ao encontro asistiron a deputada de Cultura Iria Castro, o deputado de Mocidade Daniel García, a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro e o académico Xosé Manuel Barreira. Durante o acto, os participantes expuxeron aspectos do proceso de produción e realización dos videoclips.

Destacouse tamén a presenza de artistas, profesionais do audiovisual e localizacións das comarcas de Lugo. Iria Castro subliñou que estas iniciativas permiten poñer en valor que a creación audiovisual tamén pode nacer fóra dos grandes centros culturais e dos circuítos máis convencionais.

A actividade formou parte da programación organizada pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Lugo arredor da XXIV edición dos premios, que se entregaron por primeira vez en Lugo no Auditorio Fuxan os Ventos o 21 de marzo.

Pola súa parte, Maite Ferreiro destacou que o audiovisual galego viviu un momento de gran creatividade e recoñecemento, e resaltou a importancia de iniciativas que permitan achegar ao público o traballo detrás de cada proxecto, visibilizar o talento local e fortalecer o sector cultural galego mediante espazos de encontro entre creadoras, creadores e público.

0.12580895423889