O Auditorio Fuxan os Ventos acollerá unha gran programación cultural

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación cultural 2025-2026 do Auditorio Fuxan os Ventos, unha tempada que combinará propostas musicais, teatrais e de humor ata a primavera do próximo ano.
Ferreiro destacou que se busca que o auditorio continúe sendo un espazo de encontro cultural para toda a cidadanía, con propostas que mesturan tradición, talento galego e nomes de recoñecido prestixio internacional. Entre as citas máis especiais, a cidade acollerá tamén a gala dos Premios Mestre Mateo 2026.
A programación arrancará o 25 de outubro ás 19:30 horas co XVIII Concerto de Outono, no que participarán a Coral Xuvenil Cántiga de Ourense, a Coral San Roque de Vigo e o Orfeón Xoán Montes de Lugo.
O 7 de novembro ás 20:30 horas actuarán Victor Wooten and Wooten Brothers, mentres que o 11 de novembro á mesma hora será o concerto de Chucho Valdés Royal Quartet.
O 16 de novembro ás 20:30 horas representarase a obra “1936”, unha produción do Centro Dramático Nacional e El Terrat con diversas colaboracións.
No apartado de humor, Ángel Martín actuará o 5 de decembro ás 20:30 horas, e Miguel Lago levará o seu espectáculo o 19 de xaneiro ás 20:30 horas.
O 6 de febreiro ás 20:30 horas subirase ao escenario “Nymeria” de Pablo Méndez Performances, e o 27 de febreiro ás 20:30 horas será o concerto de Café Quijano.
A tempada pecharase o 11 de abril ás 20:30 horas coa actuación de Dani Martínez.