O auditorio Fuxan Os Ventos contará con tres concertos máis

LugoXa
Lucus Ensemble, Devacas e Ara Malikian formarán parte da programación cultural do Concello de Lugo no primeiro semestre do ano
accesibilidadee-Auditorio-Fuxan-os-Ventos
18 Jan 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou tres novos concertos que se unen á programación prevista para o Auditorio Fuxan os Ventos durante o primeiro semestre do ano. Ferreiro destacou que "seguimos traendo programación de calidade e para diversos públicos, hoxe anunciamos tres novos concertos que se unen á xa extensa programación cultural para os primeiros meses do 2026".

As novas confirmacións comezan co concerto "percorrendo a Castelao", da agrupación Lucus Ensemble, que presenta un percorrido musical pola vida de Daniel Castelao, elaborado con motivo do 75 aniversario do seu pasamento no 2025. Este concerto terá lugar o 31 de xaneiro ás 19:30. O 21 de febreiro a partir das 20h, a grupación Devacas presentará o seu espectáculo Vacanal Sinfónica, espectáculo elaborado polo 10º aniversario da banda, e que consiste nunha revisión sinfónica dos seus grandes éxitos. As entradas para estes concertos poderán adquirirse no portal entradaslugo.es con prezos de 2€ e 5€ respectivamente.

Por último, Maite Ferreiro anunciou ao violinista Ara Malikian, que visitará Lugo o 8 de maio dentro da súa última xira "intruso". Trátase dunha viaxe persoal que parte da angustia de non encaixar en ningún lugar para abrazar a riqueza da súa identidade multicultural e atopar o seu fogar no mundo a través da arte e da música. As entradas poderán adquirirse a través do portal Ataquilla.

⚙ Configurar cookies
0.090269804000854