O Auditorio Fuxan os Ventos contará cunha ordenanza que regulará os seus usos e os prezos públicos

LugoXa
A Xunta de Goberno Local aproba o texto inicial da normativa, que tamén prevé exencións para entidades sen ánimo de lucro e impulsa novos investimentos en iluminación, urbanismo e servizos municipais
XGL-PP-Lugo
20 Jul 2026

A Xunta de Goberno Local de Lugo deu luz verde ao texto da futura ordenanza reguladora dos prezos públicos e das condicións de uso do Auditorio Fuxan os Ventos, un documento que será sometido á aprobación inicial no Pleno ordinario deste mes antes de iniciar un novo período de exposición pública e regresar á sesión plenaria para a súa aprobación definitiva.

A normativa ten como finalidade establecer un marco regulador para o uso das instalacións, definindo un procedemento obxectivo para autorizar a celebración de actividades e fixando as tarifas correspondentes, co obxectivo de garantir a igualdade de trato entre os usuarios e ofrecer maior seguridade xurídica aos organizadores.

Entre as principais novidades inclúese un réxime de exencións e bonificacións. Non terán que aboar taxas as actividades culturais ou doutra natureza organizadas ou coorganizadas polo Concello de Lugo, así como aquelas impulsadas por entidades que conten cun patrocinio municipal. Ademais, a Xunta de Goberno Local ou, en casos de urxencia, a Alcaldía, poderá aprobar reducións ou a exención total das tarifas para iniciativas de carácter social, cultural, benéfico ou formativo.

A ordenanza tamén establece diferentes tarifas para entidades privadas que utilicen o auditorio para organizar eventos, adaptando os importes ás características de cada actividade.

Iluminación de San Froilán e Nadal

Na mesma sesión aprobouse a contratación, dividida en dous lotes, da subministración da iluminación ornamental das festas de San Froilán e do Nadal.

O primeiro lote, cun orzamento de 57.189,85 euros, corresponde á iluminación das festas patronais e estará instalada entre o 4 e o 13 de outubro, funcionando diariamente entre as 20:00 e as 02:00 horas.

O segundo lote, dotado con 265.256,88 euros, destinarase á iluminación de Nadal. A montaxe deberá estar rematada para a inauguración prevista o 4 de decembro e permanecerá acesa ata o 6 de xaneiro, con horario xeral de 18:00 a 00:30 horas, ampliándose ata as 02:00 horas durante as fins de semana.

A valoración das ofertas terá en conta aspectos como a creatividade das propostas, a variedade dos elementos decorativos, a adaptación aos espazos e a incorporación de deseños innovadores.

Licenza para apartamentos turísticos e actuacións no rural

No apartado urbanístico, concedeuse licenza para construír un edificio con 18 apartamentos turísticos dunha chave na rúa San Roque, 88, tras a demolición do inmoble existente. O proxecto, cun investimento de 1.680.057 euros, incluirá tamén 18 prazas de aparcadoiro.

A Xunta de Goberno Local aprobou igualmente a contratación do servizo de xestión, coordinación e desenvolvemento de actividades socioeducativas nas Casas das Linguas da Estrada da Granxa e no Centro de Convivencia María Balteira, cun orzamento anual de 154.801,29 euros e a realización de 800 horas de actividades.

No rural, saíu adiante o proxecto para pavimentar e mellorar varios viarios na contorna da N-640, na parroquia de Santa María de Muxa, cun investimento previsto de 156.008 euros.

Por último, aprobouse delegar na Alcaldía a sinatura das contratacións do PAI Novo Norte para axilizar a execución deste desenvolvemento urbanístico. A primeira actuación prevista será a licitación dun aparcadoiro en superficie no espazo que ocupaba o antigo parque de enerxías alternativas do CEAO.

0.12294697761536