O Auditorio Fuxan os Ventos inaugura o 52º Festival de Música Cidade de Lugo este sábado

LugoXa
O Círculo das Artes e o Conservatorio Xoán Montes serán as outras dúas sedes do Festival de Música Cidade de Lugo 2025
Novo-Auditorio-Fuxan-os-Ventos-Lugo
13 May 2025

Este sábado, 17 de maio, comeza a 52ª edición do Festival de Música Cidade de Lugo - Semana de Música do Corpus.

Gallaecia Ensemble Barroco inaugurará o festival o 17 de maio no Auditorio Fuxan os Ventos, con Eu, Francesca, un espectáculo operístico escénico-musical que conmemora o 400 aniversario da creación de La Liberazzione di Ruggiero de Francesca Caccini, a primeira ópera que se conserva composta por unha muller.

Baixo a dirección da violinista galega María José Pámpano, o ensemble presenta un concerto teatralizado, con texto de María Lado, no que brindarán homenaxe a mulleres compositoras da época barroca. A actriz Inés Salvado da vida a unha das compositoras máis célebres de todos os tempos: a italiana Francesca Caccini. Da súa man e tamén da soprano Rosana Orsini, adentraranse nunha viaxe musicada tras as súas propias pegadas e a de outras ilustres compositoras que nos levará dende a Florencia dos Médici até o mesmo corazón de Versalles ante o Rei Sol.

Así, Auditorio Municipal Fuxan os Ventos será un dos escenarios principais deste festival, con tres dos oito concertos celebrándose nesta instalación; pero tamén o Círculo das Artes e o Conservatorio Xoán Montes serán as outras dúas sedes do Festival de Música Cidade de Lugo 2025.

A orquestra barroca La Spagna coa soprano chinesa Jiayu Jin, o contratenor Carlos Mena con Concerto 1700, o prestixioso grupo La Ritirata, a violinista estadounidense Nancy Zhou coa Orquestra Sinfónica Vigo 430, o Cuarteto Cosmos, o recoñecido pianista Eduardo Fernández, e a Orquestra Sinfónica Gaos serán os outros protagonistas desta edición.

Oito concertos que conforman unha programación diversa que abarca cinco séculos de música, con predominio da música barroca nesta edición, pero sen deixar de lado a música de cámara ou a sinfónica, e sempre coa premisa básica de apostar pola calidade e a diversidade de enfoques e repertorios.

Esta 52 edición contará con grupos emblemáticos da interpretación historicista, como o conxunto La Spagna, no que a soprano Jiayu Jin porá voz ao "lamento" feminino nun conmovedor programa que combina poesía e música do Seicento italiano de autores como Claudio Monteverdi ou Giacomo Carissimi.

A fermosísima música sacra de Antonio Vivaldi será a protagonista do concerto do contratenor Carlos Mena co conxunto Concerto 1700.

O grupo de música antiga La Ritirata presentará un rítmico e danzante percorrido pola música que se bailaba no Reino de Nápoles e nas cortes de España e Italia durante o inicio do barroco.

O multipremiado Cosmos Quartet interpretará cuartetos de corda de catro compositores que viviron en catro séculos diferentes pero que están unidos pola súa conexión con Londres: Purcell, Haydn Britten e Thomas Adés.

Eduardo Fernández, gañador do Premio Ojo Crítico de Radio Nacional de España e un dos mellores pianistas da súa xeración, afrontará un esixente recital con obras de J. S. Bach, Chopin, Liszt e Sibelius.

A vertente sinfónica do festival estará representada, en sendos concertos no Fuxan os Ventos, en primeiro lugar pola Orquestra Sinfónica Gaos, dirixida por Fernando Briones no Concerto para violín de Max Bruch e a suite do Sombreiro de tres picos de Manuel de Falla; e para pechar o festival, a violinista norteamericana Nancy Zhou interpretará o Concerto para violín de Chaikovski xunto á Orquestra Sinfónica Vigo 430, dirixida por Isabel Rubio, que tamén interpretará a Sinfonía número 6 de Beethoven.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.16684985160828