O Auditorio Gustavo Freire acolle o acto de clausura de 'Música e poesía en movemento: sentindo a lingua'

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía colabora nun evento posto en marcha polos conservatorios de Música e Danza, a EASD Ramón Falcón e a Escola Oficial de Idiomas de Lugo
Auditorio-Gustavo-Freire-Lugo
13 Apr 2026

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá este luns, 13 de abril, ás 19.00 horas, o acto de clausura do evento 'Música e poesía en movemento: sentindo a lingua', unha proposta cultural que mestura música, danza e lingua galega nun mesmo espectáculo.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo colabora nesta iniciativa, impulsada polos Conservatorios Profesionais de Música e Danza de Lugo, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e Escola Oficial de Idiomas de Lugo.

A actividade pretende unir distintas disciplinas artísticas arredor da creatividade e da lingua galega, apostando por unha proposta que combina expresión escénica e identidade cultural. Neste sentido, Ferreiro salientou que esta colaboración “pon en valor o traballo coordinado entre os centros artísticos da cidade e amosa a potencia creativa destas tres institucións tan relevantes”, ao tempo que subliñou “a importancia de promover o galego como lingua de creación e comunicación artística”.

As entradas serán gratuítas e poderán obterse a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do inicio. Ademais, o propio auditorio habilitará a recollida o día do espectáculo desde unha hora e media antes do comezo, ata completar a capacidade.

0.13947701454163