O Auditorio Gustavo Freire contará con 32 actuacións no primeiro semestre de 2026

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou hoxe a programación cultural do primeiro semestre do ano no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A oferta inclúe 32 espectáculos de teatro, danza e propostas para público familiar e de primeira infancia, que terán lugar entre xaneiro e maio.
Ferreiro explicou que "organizamos a programación arredor de tres grandes liñas: teatro e artes escénicas para público adulto, propostas familiares e de primeira infancia, e unha aposta pola danza contemporánea. O obxectivo é que toda a cidadanía, desde as máis pequenas ata as persoas maiores, teñan ocasión de gozar da cultura en Lugo".
O semestre inclúe 14 espectáculos de teatro e 6 de danza. Ferreiro sinalou que "as propostas para o público adulto abordan temáticas actuais e universais, con linguaxes que van desde o teatro clásico reinterpretado ata o circo contemporáneo, sempre cunha clara vontade de chegar a un público diverso".
O Auditorio acollerá tamén 12 espectáculos dirixidos ao público máis novo e ás súas familias, con pezas de teatro, circo e marionetas a cargo de compañías recoñecidas como Xip Xap Teatre, Xarope Tulú, Mamá Cabra ou a Compañía Sharon Fridman. Segundo a concelleira, "é fundamental que as crianzas medren coa cultura, por iso ofrecemos espectáculos pensados para diferentes idades, desde os 18 meses ata a adolescencia, combinando entretemento e aprendizaxe".
As entradas terán un prezo único de 5 euros para público adulto e danza e de 3 euros para espectáculos familiares e de primeira infancia, con descontos do 30 % para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e membros da AAAG. Ademais, poderanse adquirir bonos para a programación de adultos (42 euros, que inclúe as 14 representacións), bonos a programación familiar (20€, 10 representacións), e bonos para a programación de danza (18 euros, 6 representacións).