O Autobús do Cerebro chega a Lugo para promover a prevención das enfermidades neurolóxicas

GaliciaXa | LugoXa
A iniciativa da Sociedade Española de Neuroloxía estará este venres, 2 de outubro, xunto á entrada principal do HULA, onde ofrecerá de balde probas para avaliar a saúde cerebral e cerebrovascular
HULA-hospital-Lugo-portada
30 Sep 2026

O Autobús da Semana do Cerebro da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) fará parada este venres, 2 de outubro, en Lugo para achegar á cidadanía a importancia da prevención e do coidado da saúde cerebral. A unidade estará instalada xunto á entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), na rúa Dr. Ulises Romero, 1, entre as 10:00 e as 18:00 horas.

Ao longo da xornada, neurólogos locais atenderán de forma gratuíta as persoas que se acheguen ao autobús, onde poderán informarse sobre o estado da súa saúde cerebral e realizar diferentes probas relacionadas coa saúde cerebrovascular e coa axilidade mental. Se a afluencia de público é moi elevada, o acceso poderá limitarse ata dúas horas antes do peche previsto da actividade.

A inauguración terá lugar ás 12:30 horas e contará coa presenza do director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Alfredo Silva Tojo, acompañado pola concelleira de Muller e Conciliación do Concello de Lugo, Aurora Aida Goás Castro, e polos doutores Susana Arias e Robustiano Pego, responsables do Autobús do Cerebro en Lugo.

O vehículo conta con 50 metros cadrados distribuídos en tres espazos dedicados ao diagnóstico, á formación e ao adestramento do cerebro. Na zona de diagnóstico dispón de padiolas e equipos Doppler para avaliar o funcionamento cerebrovascular e o estado das arterias, ademais doutros instrumentos para medir o risco cerebrovascular.

Outro dos espazos está destinado á información e á atención personalizada. Nel, os neurólogos explican as principais enfermidades neurolóxicas e resolven as dúbidas das persoas participantes. O terceiro ámbito está orientado tanto a adultos como a nenos e inclúe xogos de percepción, lóxica e planificación, así como probas cognitivas e de habilidade visuoespacial para comprobar a axilidade e destreza mental.

Ao rematar o percorrido, os visitantes recibirán unha tarxeta cerebro-saudable cos resultados obtidos nas diferentes probas e recomendacións para contribuír ao coidado do cerebro.

A actividade forma parte da Semana do Cerebro 2026, unha campaña promovida pola Sociedade Española de Neuroloxía coa participación de asociacións de pacientes, sociedades autonómicas de Neuroloxía, autoridades e diferentes personalidades.

Segundo a SEN, máis de 23 millóns de persoas padecen algunha enfermidade neurolóxica en España, mentres que en Galicia a cifra supera os 1,26 millóns. A sociedade sinala que existen máis de 500 enfermidades neurolóxicas diferentes, entre elas o ictus, o Alzheimer e outras demencias, o Parkinson, as enfermidades neuromusculares como a ELA, a esclerose múltiple, a epilepsia ou as cefaleas.

O presidente da Sociedade Española de Neuroloxía, Jesús Porta-Etessam, destaca a importancia de incorporar a prevención e o coidado da saúde cerebral aos hábitos diarios desde idades temperás, ante o incremento previsto da carga das enfermidades neurolóxicas asociado ao envellecemento da poboación.

A SEN apunta, ademais, que existe unha importante marxe para a prevención. Segundo os seus datos, ata o 90% dos ictus están relacionados con factores de risco modificables, mentres que arredor do 40% dos casos de demencia e do 30% dos casos de epilepsia poderían previrse ou atrasarse actuando sobre estes factores.

0.16069388389587