O barrio da Ponte de Lugo acollerá un encontro de veciños das parroquias ribeiráns

LugoXa
Os xardíns da Deputación acolleron a presentación da cuarta edición da Festa da Troita con Xamón, que se celebrará o próximo domingo na capital lucense
presentacion-festa-da-troita-a-ponte-lugo
22 Sep 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, o deputado de de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, e o presidente da federación veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez, presentaron a IV Festa da Troita con Xamón de San Lázaro nos xardíns do pazo de San Marcos.

Trátase dun evento que se celebrará o vindeiro domingo, día 27, no lucense barrio da Ponte e que servirá para recoñecer o traballo a prol da conservación dos ríos que fan os veciños das parroquias do concello de Lugo, tanto dos que dan á ribeira do Miño coma os que viven preto dos seus afluentes. “Os ríos perduran vivos grazas á xente das parroquias, que coidan as súas marxes, respectan as súas contornas e manteñen un vínculo profundo coa nosa riqueza fluvial”, destacou a presidenta provincial.

A cuarta edición da Festa da Troita con Xamón prevese que conte coa asistencia duns 500 comensais provenientes das 22 parroquias lucenses que lindan co río Miño e cos seus afluentes, os ríos Rato e Mera.

No encontro degustaranse produtos de proximidade, pois serviranse unhas 4.000 racións de troitas de Ribeira de Piquín criadas no río Eo, acompañadas con xamón de Torre de Núñez, queixo da denominación de orixe San Simón da Costa e pan de Antas de Ulla.

A xuntanza tamén servirá para homenaxear a 12 persoas que este ano destacaron polo seu labor nalgunha das parroquias participantes. Serán distinguidas co premio “Amigo/a do rural”. Tamén haberá unha exhibición de cestería e actuacións musicais.

Durante a presentación do evento, a presidenta da Deputación definiu este encontro coma “unha gran festa de confraternidade pensada por e para a xente pertencente ás parroquias ribeiráns”, cuxo traballo é fundamental para conservar o territorio, segundo incidiu.

López tamén defendeu o valor da provincia de Lugo como “provincia verde”, na que “máis do 80% do territorio está declarado como Reserva da Biosfera”. “Desde a Reserva Terras do Miño –que xunto á dos Ancares Lucenses xestionamos desde a Deputación- promovemos unha cultura de convivencia e coidado dos ríos”, detacou.

Así mesmo, a presidenta valorou a importancia de consumir productos de proximidade, algo que tamén recalcou o deputado provincial, Miguel Fernández. “Detrás destes alimentos hai persoas, empresas e produtores que traballan aquí, que xeran actividade económica e que contribúen a manter vivo o noso territorio”, sinalou.

“A Deputación colabora neste evento porque cremos nunha provincia que se constrúe tamén desde abaixo, desde as parroquias, desde as asociacións e desde a xente que todos os días traballa para manter vivo o rural”, sinalou a presidenta.

0.15066504478455