O barrio de San Lázaro celebra as súas festas en abril con música, tradición e diversión

LugoXa
Celebraranse os días 4, 5, 6, 12 e 13 de abril, cun completo programa de actividades que combina música, deporte, gastronomía e cultura popular
Festas-San-Lázaro-Lugo
22 Mar 2025

As veciñas e veciños do barrio de San Lázaro – A Ponte de Lugo preparan xa as súas tradicionais festas, que se celebrarán os días 4, 5, 6, 12 e 13 de abril, cun completo programa de actividades que combina música, deporte, gastronomía e cultura popular.

As celebracións comezarán o venres 4 de abril co tradicional pregón, ao que seguirá unha gran churrascada popular servida polo Bar Fénix. A xornada continuará coa actuación da orquestra Unión y Fuerza, e unha sesión musical a cargo do DJ Adrián Corral, que animará a noite con puro dance.

O sábado 5 de abril dará comezo cunha sesión vermú amenizada por La Hora Bruja. Pola tarde, disputarase un partido de fútbol entre equipos do barrio S.C.D. San Lázaro, seguido dun concerto da coral Ecos do Miño na igrexa de San Lázaro. A continuación, realizarase a entrega de trofeos, acompañada dunha gran queimada popular gratuíta no campo da festa. A noite estará protagonizada pola orquestra Marbella Gira 2025 e unha festa reguetón-electro latino co artista Desde la Ricura - JJ Compota.

O domingo 6 de abril, as actividades comezarán cunha misa solemne e procesión, seguida dun pasarrúas a cargo do grupo Airiños de Orbazai, que percorrerá os bares do barrio. A xornada continuará cunha sesión vermú e sesión de tarde con Grupo Explosión.

As festas retomaranse o sábado 12 de abril coa presentación das carrilanas por parte das e dos pilotos, e posteriormente celebrarase o esperado descenso de carrilanas, que este ano acollerá a 1ª Proba Anual da Copa Galicia. Ao rematar, terá lugar a entrega de premios e unha actuación musical no campo da festa.

As celebracións pecharanse o domingo 13 de abril cunha tarde infantil con numerosas actividades e descontos nas atraccións. O broche final ás Festas de San Lázaro 2025 será a despedida oficial dese mesmo día.

⚙ Configurar cookies
0.61890816688538