O billar pool lucense volve destacar nos Campionatos Nacionais do Pool Tour

Os Campionatos Nacionais do Pool Tour reúnense estes días en Zaragoza, onde desde o 13 ata o 16 de agosto se están disputando as diferentes competicións de billar pool. O programa inclúe as modalidades individuais de Bola 8 e Bola 10, ademais da competición de Parellas Escocesas.
A participación lucense nesta edición supera a trintena de xogadores, que están deixando novas actuacións destacadas sobre as mesas de billar e mantendo a presenza habitual dos deportistas da provincia nas fases finais das competicións.
Entre os resultados máis salientables atópase o conseguido na categoría de Parellas Escocesas Bola 8, na que os xogadores lucenses Jacobo Daviña e Francisco Javier García se proclamaron campións de España tras completar un gran campionato.
O resultado permite ao billar pool lucense sumar un novo título nacional nunha competición que reúne estes días en Zaragoza xogadores procedentes de diferentes puntos do país.