O BNG acusa a Xunta vender recursos xa concedidos
Os representantes do BNG na FEGAMP piden á Xunta que deixe de “vender” como medidas excepcionais para os concellos pola crise da COVD-19, recursos que xa lle correspondían e que son obrigas da propoia Xunta. Para os e as responsables nacionalistas, anunciar o reparto do Fondo de Cooperación Local como unha axuda aos Concellos nesta situación é “unha burda manipulación política dos medios públicos" e reclaman “respecto institucional aos concellos galegos”.
Os membros do BNG na FEGAMP piden á Xunta que cese no “seu uso partidista” do da COVID-19 revestindo como “medida excepcional” axudas do goberno aos concellos, un anuncio utilizado para “o beneficio do PP e do propio Feixóo.
O alcalde de San Sadurniño e a alcaldesa de Barreiros manifestan que a última das saídas de ton da Xunta foi pretender vender os recursos do Fondo de Cooperación Local como unha axuda do goberno galego aos concellos para afrontar a crise do COVID-19, fondos, explican, que corresponden aos concellos por “dereito en función duns criterios obxectivos, como poboación, superficie ou núcleos de poboación que se toman como referencia para o reparto da participación nos tributos que recada a Xunta." Polo tanto, "a Xunta non está habilitando ningún mecanismo extraordinario para axudar aos Concellos para afrontar esta crise, está cumprindo coas súas obrigas como administración galega”.
Pola súa parte, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, sinala que "a utilización dos recursos do Fondo de Cooperación decídea cada Concello en función das necesidades para o seu funcionamento ordinario, polo que contar con eses fondos non supón ningún tipo de axuda extra por parte da Xunta, pois son fondos ordinarios nos orzamentos municipais."
Os representantes municipais do BNG reclaman que á Xunta "cese na utilización partidista dos medios públicos” e das obrigas que ostenta como administración galega e demostre a “lealdade institucional” da que tanta gala fai, como o están a facer todos os Concellos galegos desde o primeiro momento, aportando por medio da súa representación no CECOP e asumindo en moitos casos competencias que a administración galega, como autoridade sanitaria non afronta como o subministro de material de protección á poboación.