O BNG acusa ao Goberno de Lugo de manter sen pagar máis de 2,7 millóns de euros en facturas

O BNG lamenta que, nas últimas xornadas de agosto, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, continúe sen convocar un pleno extraordinario para abordar a situación económica do Concello, que, segundo a formación nacionalista, mantén máis de 2,7 millóns de euros en facturas sen pagar.
O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, sinalou que, aínda que durante o mes de agosto non é habitual celebrar sesións plenarias, o seu grupo propuxo convocar un pleno extraordinario para tratar de "amañar o malestar" que, segundo asegura, lle están trasladando autónomos e pequenos empresarios da cidade que continúan sen cobrar polos servizos prestados ao Concello.
Arroxo afirmou que durante os últimos catro meses o Goberno municipal non levou "nin unha soa factura a pleno", a pesar de que, segundo o BNG, os expedientes administrativos correspondentes xa estarían rematados. A formación considera que esta situación está a provocar dificultades entre os provedores afectados.
Para o portavoz nacionalista, a situación que atravesa o Concello de Lugo é "inédita" e responde a unha decisión política do Goberno municipal. Arroxo asegura que actualmente hai 542 autónomos e pequenos empresarios afectados e que existen centos de facturas que levan catro meses co trámite administrativo finalizado sen chegar ao pleno para a súa aprobación.
O BNG critica así que estas facturas non foran incluídas nas sesións plenarias dos meses de maio, xuño e xullo, cando, segundo a formación, xa se cumprían os trámites necesarios para poder abordar os pagamentos.
Arroxo tamén advertiu de que a ausencia dun pleno en agosto provocará que os provedores afectados teñan que agardar polo menos ata outubro para poder cobrar. Segundo explicou, o seguinte pleno municipal está previsto para o 24 de setembro, polo que os pagos poderían acumular un atraso de cinco meses desde a finalización dos expedientes administrativos.
"Non se fixo, o goberno segue a castigar aos autónomos e pequenos empresarios desta cidade", afirmou o portavoz do BNG, que reclama ao Executivo municipal que adopte medidas para desbloquear a situación e permita afrontar o pagamento das facturas pendentes.