O BNG acusa ao goberno do PP de falta de avances na ordenanza de ruído

O concelleiro do BNG, Alexandre Penas, criticou a “falta de actividade e a parálise” do goberno do Partido Popular tras asegurar na comisión municipal de seguridade que non se producira ningún avance na tramitación da nova Ordenanza de Contaminación Acústica. Segundo sinalou, o executivo non tería dado pasos efectivos para a súa aprobación malia existir un traballo previo xa elaborado.
Penas lembrou que o anterior goberno deixara o proxecto practicamente concluído e listo para ser levado ao pleno, polo que, na súa opinión, podería estar aprobado nun curto prazo. Con todo, afirmou que o PP non continuou co procedemento, o que considera unha mostra de inacción fronte a unha problemática que preocupa á veciñanza.
A proposta de ordenanza actualiza un texto dos anos 90 que, segundo o BNG, quedara obsoleto ante as novas realidades de convivencia. O seu desenvolvemento incluíu reunións con persoal municipal e coa Policía Local co obxectivo de dotar de instrumentos máis eficaces para xestionar conflitos asociados ao ocio nocturno.
O novo documento incorpora un réxime sancionador vinculado aos ruídos que impiden o descanso e regula comportamentos incívicos en espazos públicos. Entre outros aspectos, recóllese a prohibición de accións como berrar sen causa xustificada ou xerar molestias evitables, ademais dun procedemento progresivo que vai desde a advertencia ata a posible sanción por parte da Policía Local.
Penas tamén puxo o foco na situación do local de ocio nocturno Las Palmeras, lembrando as actuacións realizadas no anterior mandato, con inspeccións e a detección de deficiencias que derivaron nun peche de 12 meses no ano 2023. Sinalou que esas carencias xa foron corrixidas pola propiedade.
O edil nacionalista concluíu criticando as declaracións da actual alcaldesa, que no seu momento asegurara a existencia dunha base legal suficiente para actuar de forma inmediata sobre o establecemento. Segundo afirmou, transcorrido mes e medio, non se produciron avances nin se definiu unha folla de ruta clara para dar continuidade ao traballo iniciado polo anterior goberno.