O BNG acusa ao PP de actuar con "populismo e demagoxia" na tramitación da Zona de Baixas Emisións

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura do Partido Popular tras a aprobación inicial da ordenanza que regulará a Zona de Baixas Emisións (ZBE) e asegurou que o goberno local "demostrou unha vez máis que non ten proxecto nin capacidade para gobernar Lugo".
Arroxo sinalou que, na comisión municipal de Mobilidade celebrada este mércores, o Executivo local desestimou varias das alegacións que o propio PP presentara cando estaba na oposición. "O PP incumpriu hoxe o que defendía cando estaba na oposición; teñen que explicar publicamente por que agora que están no goberno desestiman parte das alegacións que eles presentaban", afirmou.
O portavoz nacionalista sostivo que esta decisión evidencia que os populares presentaron aquelas alegacións "unicamente para atrasar a aprobación dunha regulación que o Concello está obrigado por lei a realizar". Ao seu xuízo, tratouse dunha actuación "populista e demagóxica" e asegurou que agora comproban que moitas das súas propostas "non son viables".
Arroxo lembrou que a Lei de Cambio Climático obriga aos municipios de máis de 50.000 habitantes a implantar zonas de baixas emisións e indicou que o anterior goberno municipal xa definira a súa localización na contorna da Muralla. Segundo afirmou, "o único que conseguiu o Partido Popular coa súa postura estando na oposición foi seguir na liña de crispar e intentar retrasar o avance da cidade".
Na mesma comisión, segundo explicou o BNG, o goberno tamén desestimou a práctica totalidade das alegacións presentadas pola asociación Lugo Monumental, agás unha estimación parcial dunha alegación de carácter menor, mentres que si aceptou varias das formuladas por Vox.