O BNG acusa ao PP de paralizar a programación cultural municipal de Lugo

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acusou ao Partido Popular de provocar unha 'parálise total' na programación cultural municipal desde a súa chegada ao goberno tras a moción de censura.
Arroxo asegurou que é a primeira vez en moito tempo que o portal municipal de entradas non recolle ningún evento programado para os vindeiros días, unha situación que cualificou de inédita nunha cidade que, segundo defendeu, viña mantendo unha oferta cultural constante e diversa.
O voceiro nacionalista contrapuxo esta situación co modelo desenvolvido polo BNG cando estaba á fronte da área de Cultura, baseado nunha programación estable durante todo o ano, con grandes eventos e actividades de proximidade dirixidas a todos os públicos.
Segundo Arroxo, nos últimos anos Lugo chegou a rexistrar unha media de dúas actividades culturais diarias, o que supuxo unha aposta polo tecido cultural local e pola dinamización dos barrios.
O BNG advertiu tamén das consecuencias desta falta de programación, tanto para os profesionais do sector como para a vida social da cidade. Arroxo incidiu en que a cultura tamén é un motor económico e reclamou recuperar unha política cultural activa no municipio.