O BNG acusa o PP de manter paralizada a nova Ordenanza de Contaminación Acústica de Lugo

LugoXa
Rubén Arroxo reuniuse con colectivos veciñais para presentar o texto elaborado polo anterior goberno, que actualiza a normativa de 1999 e incorpora ferramentas para sancionar ruídos e comportamentos que impidan o descanso
charla BNG Lugo
10 Nov 2026

O BNG de Lugo acusa o goberno de Elena Candia de manter paralizada a nova Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica, un documento elaborado polo anterior executivo que permitiría actuar ante os problemas de ruídos e molestias na cidade. O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, mantivo un encontro con distintos colectivos veciñais para compartir o proxecto e denunciar o que cualificou como "seis meses de inacción do Partido Popular".

Arroxo criticou a falta de actuación municipal ante uns problemas que, segundo sinalou, afectan directamente á calidade de vida da veciñanza. "Non estamos falando de comezar de cero, xa que o traballo está feito e o documento está elaborado", afirmou, ao tempo que acusou o PP de non ter "a vontade política nin a capacidade de xestión" para levar o texto a pleno e iniciar a súa aprobación definitiva.

A proposta foi elaborada tras oito meses de traballo e numerosas reunións técnicas coa Policía Local e outros servizos municipais. O documento actualiza a ordenanza vixente, que data de 1999, e incorpora ferramentas para intervir ante comportamentos que perturban a convivencia e o descanso, ademais dun réxime sancionador que non existía na normativa anterior.

Un dos principais cambios figura no artigo 39, dedicado á convivencia veciñal, que establece que o comportamento nos espazos compartidos debe respectar as normas de convivencia e prohibe as perturbacións evitables da conduta cívica normal. Entre as accións que poderían ser sancionadas inclúense gritar ou berrar sen causa xustificada, así como outros comportamentos que impidan o descanso ou xeren situacións de malestar.

Pola súa banda, o artigo 54 introduce modificacións que permitirían á Policía Local intervir nestes casos. Segundo explicou Arroxo, os axentes poderían advertir inicialmente ás persoas responsables e, se o comportamento persiste, terían a potestade de impoñer sancións. O obxectivo é dotar os servizos municipais de ferramentas para actuar ante situacións de ruído e alteración da convivencia que ata agora non podían ser sancionadas coa normativa vixente.

O portavoz do BNG tamén cuestionou a intención do goberno municipal de contratar unha empresa privada para elaborar unha nova ordenanza, malia que xa existe un proxecto desenvolvido por persoal municipal en colaboración cos axentes implicados. Arroxo considerou que esta decisión atrasaría aínda máis a súa entrada en vigor e pediu explicacións ao PP polos motivos para encargar un novo texto.

Como exemplo dos problemas que podería axudar a resolver a normativa, citou as molestias vinculadas ao local As Palmeras. "O PP ten que explicar por que vai facer unha nova ordenanza pagando a unha empresa e atrasando aínda máis a entrada en funcionamento dun texto que permitiría poñer solución a locais como As Palmeras", concluíu.

0.15739512443542