O BNG alerta de que o Concello aínda non convocou os certames Enredando co Galego e Ánxel Fole

A concelleira do BNG Maite Ferreiro preguntará na vindeira comisión municipal de Cultura polo estado das partidas destinadas aos certames Enredando co Galego e de Narración Curta Ánxel Fole, que a estas alturas do ano aínda non foron convocados nin organizados. Ambas as iniciativas contan cunha dotación de 20.000 euros nos orzamentos municipais: 16.000 para Enredando co Galego e 4.000 para o certame Ánxel Fole.
Ferreiro considera que a falta de información sobre estas actividades, cando o ano entra xa na súa recta final, é un "síntoma da falta de compromiso do PP coas actividades relacionadas coa promoción da lingua galega". A concelleira tamén relacionou esta situación coa decisión do goberno municipal de eliminar esta área do seu organigrama. O BNG pedirá explicacións sobre os plans para executar ambas as partidas e o calendario previsto para as convocatorias.
A formación lembra que non se trata de actividades puntuais, senón de proxectos consolidados no calendario cultural de Lugo. Enredando co Galego busca fomentar o uso da lingua entre a mocidade e impulsar a creación literaria e artística en galego. Na edición de 2025 participaron preto de 400 estudantes e o programa rematou cunha gala no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Pola súa banda, o Certame de Narración Curta Ánxel Fole celebraría este ano a súa vixésimo oitava edición. Ferreiro destacou a súa traxectoria e lembrou que é "un dos certames de narración en galego máis relevantes de Galicia".