O BNG anima á veciñanza a participar na manifestación de 'Lugo Quere Tren'

LugoXa
O BNG coloca unha mesa informativa para animar veciñanza a mobilizarse este venres as 20:15 para reclamar un tren áxil para Lugo
BNG manifestacion tren
25 Oct 2022

O BNG de Lugo colocou unha mesa informativa no centro de Lugo para informar á veciñanza sobre a campaña Lugo Quere Tren e a mobilización que se convoca este venres para reclamar un servizo de ferrocarril digno. O responsábel local do BNG, Felipe Rivas, explicou que a mobilización ten por obxectivo “reclamar un servizo  de ferrocarril útil, que nos conecte co resto de capitales galegas e estatais”.  A manifestación partirá, ás 20:15, da praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno.

“Os orzamentos presentados non melloran a situación de Lugo, deixando de lado a necesaria mellora das infraestruturas ferroviarias que precisa Galiza e sobre todo a posibilidade de ter un tren de cercanías propio que nos permita desprazarnos entre vilas e cidades próximas”, explicou Felipe Rivas, que engadiu “Lugo sigue á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril, onde continuaremos con infraestruturas do século XIX”.

Rivas explicou que “a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.“Desde o BNG chamamos á veciñanza a mobilizarse para que Lugo dispoña duns servizos ferroviarios dignos que respondan ás nosas necesidades despois de anos de abandono por parte dos distintos gobernos do estado” sinalou o edil nacionalista

Coa campaña Lugo Quere Tren, o BNG recolleu sinaturas nos últimos meses buscando “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións que son necesarias para as veciñas e veciños de Lugo”. Felipe Rivas lembrou que o BNG entregou “máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo que reclaman ao goberno do estado un compromiso real con Lugo” no ministerio de Transportes en Madrid.

0.15582418441772